Deputación de Lugo

A Deputación participa na inauguración do V Congreso da Muller Rural, que aborda en Lugo a igualdade, o emprendemento e o liderado feminino

Muller rural
Marisol Morandeira
UNED
A Deputada de Muller e Igualdade participou este venres na apertura desta cita que se celebra ao longo desta xornada no centro asociado da Uned en Lugo e que reúne a expertas, investigadoras e líderes comunitarias

“O rural non pode ser o territorio onde todo chega máis tarde: nin os servizos, nin a dixitalización, nin as oportunidades e moito menos a igualdade. Non aceptamos unha Galicia a dúas velocidades” subliñou Marisol Morandeira

A Deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira Morandeira, participou este venres no salón de actos do Centro Asociado da Uned en Lugo na inauguración do V Congreso da Muller Rural: A familia rural, o poderoso gardián da natureza. Esta cita reúne ao longo desta xornada a expertas, investigadoras e líderes comunitarias que abordan o papel das mulleres na sustentabilidade, o emprendemento e a transición cara unha economía rural máis verde. 

Marisol Morandeira avanzou que “a igualdade no rural non é un discurso, é unha necesidade urxente. Non haberá futuro para os nosos pobos se as mulleres seguen atopándose con máis barreiras que oportunidades; se falta acceso a servizos; se o coidado continúa recaendo sobre nós, ou se os proxectos de vida dependen de sacrificios que non se lles esixen aos homes”. 


“É importante dicilo sen ambigüidades: non basta con admirar a fortaleza das mulleres rurais. Hai que transformar esa admiración en dereitos e en recursos. O rural non necesita aplausos, necesita decisións. E necesita que as institucións asumamos que a igualdade non se consegue con declaracións, senón con orzamentos e prioridades claras”, recalcou a Deputada. 


Nesta liña, destacou que “o rural non pode ser o territorio onde todo chega máis tarde: nin os servizos, nin a dixitalización, nin as oportunidades e moito menos a igualdade. Non aceptamos unha Galicia a dúas velocidades”. Sinalou así que “desde a Deputación traballamos precisamente para evitalo: reforzamos servizos públicos, impulsamos o emprendemento feminino, melloramos a conciliación e recoñecemos o valor económico e social do traballo das mulleres rurais. Non falamos de intencións, falamos de feitos” rematou. 


No acto de inauguración deste encontro, organizado por Tu Repueblas, a Asociación Española Multisectorial de Microempresas (AEMME), a Embaixada do Reino dos Países Baixos en España e a UNED de Lugo, tamén participou o Alcalde de Lugo e Deputado Provincial, Miguel Fernández Méndez, o conselleiro de Agricultura dos Países Baixos en España, Machiel Kommers, e a directora da Uned de Lugo, Ana Belén Traseira, entre outras autoridades.