Deputación de Lugo

O Pleno do Consorcio de Bombeiros aproba o Orzamento do 2026, que supera os 10M€

JOSE TOMÉ
Consorcio de Bombeiros
Orzamentos 2026
A Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia financian ao 50% esta entidade encargada da prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento nos parques situados nos concellos de Monforte de Lemos, Chantada, Sarria, Barreiros, Vilalba e Viveiro

Cumprindo coas obrigacións pactadas no convenio colectivo asinado a principios deste ano, a sesión deu luz verde á regulación das axudas sociais aos profesionais que traballan entre os seis parques da provincia que dependen deste organismo

O Presidente da Deputación e do Consorcio Provincial de Lugo para a prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento, José Tomé Roca, presidiu este venres o Pleno do Consorcio de Bombeiros que se celebrou na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos. Na sesión, os representantes da institución provincial, da Xunta de Galicia e dos diferentes municipios sacaron adiante, entre outras cuestións, un Orzamento para o 2026 que superará os 10M€.

Concretamente, a Deputación de Lugo aportará para o ano que vén un total de 4,3M€ ao Consorcio dos Bombeiros, o mesmo que a Administración autonómica. O resto, preto de 1,4M€, será a aportación da asociación que representa ás aseguradoras en España, UNESPA. Un aumento das achegas de preto do 30% respecto ao ano en curso para dar cumprimento ao convenio colectivo asinado a principios de ano cos traballadores e traballadoras.

Outro dos acordos aprobados no Pleno foi precisamente a regulación das axudas sociais aos profesionais que traballan nos parques de bombeiros de Monforte de Lemos, Chantada, Sarria, Barreiros, Vilalba e Viveiro, tal e como quedou pactado no texto cos traballadores. 

A incorporación de 26 efectivos ao persoal do Consorcio –que se sumarán aos 117 traballadores e traballadoras que hai na actualidade-, o aumento salarial anual de 6.000 euros na categoría de bombeiro ou a redución de 158 horas anuais –ata as 1.642- son algunhas das melloras pactadas cos profesionais no mes de xaneiro. E en setembro quedou aprobada unha aportación de case 2M€ para a mellora dos seis parques da provincia e facer fronte a esa suba laboral.