A Reserva dos Ancares, xestionada pola Deputación, incorpora 3 novos membros no órgano de participación
A Reserva da Biosfera dos Ancares, que xestiona a Deputación, incorpora tres novos membros no seu órgano de participación: a asociación cultural Deiquí, a comunidade de montes veciñais en man común Travesa do Comeal e a asociación de mulleres rurais Argalleiras. Así o acordou o órgano reitor do territorio na reunión celebrada esta mañá no edificio multiusos de San Román de Cervantes.
A Asociación Cultural Deiquí é unha entidade que traballa co obxectivo de recuperar a cultura tradicional da comarca dos Ancares; a comunidade de montes Travesa do Comeal busca o aproveitamento sostible dos recursos; e a asociación de mulleres rurais Argalleiras dedícase a impulsar ás mulleres que viven e traballan no rural mediante iniciativas de formación, apoio e acompañamento. Con estas xa son 36 entidades as que conforman o consello consultivo desta reserva ademais dos 3 concellos que a conforman –Cervantes, Navia de Suarna e Becerreá- e os tres grupos políticos con representación na institución provincial.
Ademais, na reunión aprobouse tamén a proposta de programación de actividades para todos os públicos para a anualidade 2026 e, como en anos anteriores, inclúe dúas iniciativas por trimestre e por Concello. Entre as accións destacan talleres de todo tipo –olería, apicultura, elaboración de xabón ou enxerto-, xornadas de micoloxía, cantigas ou baile tradicional; campamentos infantís sobre ciencia e diversidade ou charlas sobre pallozas.
Finalmente, nas reunións dos órganos reitor e participativo tamén se presentou a memoria das actividades realizadas este ano, 2025, os traballos da posta en marcha do Destino Turístico Starlight Ancares Lucenses, e as actuacións estratéxicas da Reserva que vertebrarán o 2026.