Taboada prepara unha nova edición da Festa do Caldo de Ósos, os días 14 e 15 de febreiro, co apoio da Vicepresidencia da Deputación
O recinto da feira contará cun mercado de artesanía e unha exposición de razas autóctonas
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora coa organización da XXXIV edición da Festa do Caldo de Ósos de Taboada, que se celebra os días 14 e 15 de febreiro. A deputada de Cultura Iria Castro, o tenente de alcalde Xosé Portela e ao concelleiro de Educación, Benestar e Participación Cidadá Álex Varela presentaron a cita gastronómica esta mañá no Pazo de San Marcos.
O día grande da festa será o domingo, coa degustación popular desta receita tradicional - a base de garbanzos e soá de porco-, precedida da lectura do pregón a cargo de Mercedes Vázquez, mestra e promotora de Televinte.
O recinto - entre a Praza de Riazón e o campo da feira - contará cun mercado de produtos de artesanía, con demostracións ao vivo, unha exposición de razas autóctonas e varias propostas musicais e lúdicas como o folión e desfile de cabezudos da Asociación Cultural Rechouchíos, un obradoiro infantil de cociña e actuacións de Cántigas e Frores e da Orquestra Los Satélites, pola noite.
Ademais de enxalzar a receita do caldo de ósos, a programación organizada polo concello pon o acento na historia, no patrimonio e na cultura gastronómica de Tabaoda, coa inauguración da exposición “O legado que nos une” (venres 13, ás 20.00 horas), a preestrea do documental “Galletas de Xián: un doce legado” (sábado 14, ás 19.30 horas), unha cata degustación de produtos de artesanía alimentaria de Galicia (sábado 14, ás 20.00 horas) e unha ruta polos locais de hostalería.
O tenente alcalde de Taboada Xosé Portela destacou a exposición de fotos antigas como un dos principais fitos do pograma, xa que, explicou, "é froito dun traballo colectivo porque recolle imaxes cedidas pola veciñanza e representa o sentido de comunidade e o respecto pola historia e a tradición do que xurdiu a festa do caldo de ósos e que nos propuxemos reforzar desde que en 2023 comezamos a organizar a festa desde a Tenencía de Alcaldía e a aréa de Cultura”
A deputada de Cultura Iria Castro valorou a programación organizada arredor desta receita tradicional: “a gastronomía é o centro da celebración pero tamén se engaden a cultura, o patrimonio e a artesanía, que reforzan a festa como un íimbolo de identidade do concello de Taboada”
O prato de caldo de ósos poderá desfrutarse nos locais de hostalería de Taboada - Parrillada Mencía, Tapería Devezo, Casa do Romualdo, Cafetería Scala, Restaurante Anduriña, Parrillada San Martiño, Restauración Urdi, Complexo Turístico Ponte Mourelle - durante a fin de semana nun menú degustación que inclúe caldo de ósos, costela asada, filloas con mel ,queixo con marmelo, viño, auga e refresco e café - a un prezo de 30 euros.