O Vello Cárcere acolle mañá a lectura da listaxe de finalistas dos XXIV Premios Mestre Mateo
O Vello Cárcere de Lugo acollerá este martes -3 de febreiro, ás 11.30 horas - o acto en que a Academia Galega do Audiosivual dará a coñecer a lista de finalistas dos XXIV Premios Mestre Mateo.
O público poderá asistir á lectura de finalistas, que correrá a cargo do comunicador Juan Fuentes, coñecido por presentar o programa Quen anda aí? e gañador do Premio Mestre Mateo a Mellor Comunicador, e da actriz Andrea Fernández, finalista a un Premio Mestre Mateo na categoría de mellor actriz polo seu papel no filme "As Neves".
Ademais das candidaturas aos premios nas diferentes categorías, no acto desvelaranse os nomes dos presentadores da gala que se celebrará o vindeiro 21 de marzo no Auditorio Fuxan Os Ventos.
A lectura dos finalistas é a primeira das actividades programadas pola Academia Galega do Audiovisual, a Vicepresidencia da Deputación e a área de Cultura do Concello de Lugo nos dous vindeiros meses, para implicar e fomentar a participación da cidadanía na festa do audiovisual galego, que se celebrará por primeira vez na cidade
Como asistir ás actividades relacionadas cos Premios Mestre Mateo
Todas as actividades organizadas pola Academia Galega do Audiovisual incluidas na programación dos XXIV Premios Mestre Mateo son de acceso gratuíto ata completar aforo. Para asegurar praza, as persoas interesadas poden escribir un correo electrónico a actividades@academiagalegadoaudiovisual.gal ou chamar por teléfono á Academia Galega do Audiovisual (+34 633 24 56 39), indicando a actividade ou actividades ás que desexan asistir, que poden consultar na súa web.