Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo aproba preto de 2,5M€ para mellorar as estradas da provincia

Xunta de Goberno
Pablo Rivera Capón
A Xunta de Goberno adxudicou o acondicionamento de seis vías provinciais ao seu paso polo concellos de Portomarín, Ribeira de Piquín, Sober e Xove, así como o contrato de conservación da rede viaria provincial que afecta a catro municipios da Montaña

Na reunión desta mañá tamén se aprobou a convocatoria e as bases específicas para a elaboración de dúas listaxes de emprego de administrativo e de técnico de xestión

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou investimentos por case 2,5M€ para continuar mellorando a mobilidade da provincia. Concretamente, inclúense varios proxectos para realizar arranxos en seis estradas provinciais ao seu paso polos concellos de Portomarín, Ribeira de Piquín, Sober e Xove; así como a adxudicación do contrato de conservación e mantemento da rede viaria provincial que afecta a catro municipios da Montaña Lucense. Así o detallou o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, tras a reunión deste venres. 

En materia de mobilidade, a institución provincial vén de adxudicar as seguintes obras:

- En Portomarín adxudicouse por 237.958,52€ á empresa Construcciones y Obras Taboada Ramos SLU os traballos de mellora de algo máis de 10,65 quilómetros da estrada que conecta este concello e Taboada: a LU-P-4905. O prazo de execución será dun mes e medio e os traballos, que afectarán á vía en todo o termo municipal de Portomarín –desde o inicio da estrada ao punto quilométrico 10,625-, consistirán na reapertura de cunetas, no saneo da explanada e na pavimentación. 

Rivera Capón recordou que “este é o segundo tramo da vía que imos mellorar, porque tamén se vai arranxar outro treito -do punto 10,65 ao 24,631- cun investimento de 200.000€. Polo que tras a execución de ambos proxectos a estrada quedará renovada na súa totalidade”. 

- En Ribeira de Piquín adxudicouse por 189.587,64€ á empresa Ovisa Pavimentos y Obras SLU o proxecto de rehabilitación dun tramo de algo máis de 3 quilómetros ao final da LU-P-4802, que é a estrada que conecta a Pontenova con este concello da Montaña, desde Santalla a Ponte Soutelo. Os traballos, que contan cun prazo de execución dun mes e medio, afectarán ao treito comprendido entre o punto quilométrico 19,7 e o 23. “Unha actuación que consistirá na reapertura de cunetas, execución dunha escollera, pavimentación con aglomerado en quente e sinalización horizontal e vertical”. Fixo especial fincapé na importancia destes traballos “porque esta estrada conecta as comarcas da Mariña e da Montaña, artellando as parroquias situadas no corazón do val do Eo. Unha zona que ten un alto valor natural e paisaxístico”. 

- En Sober adxudicouse á empresa Fevisa Vías y Obras SL a mellora de sete quilómetros ao inicio da LU-P-5903, que é a estrada que conecta este municipio con Doade “unha vía fundamental para a Ribeira Sacra polo que supón tanto para o turismo como para o sector vitivinícola”. 

Concretamente, cun prazo de execución de 2 meses, rehabilitarase o primeiro tramo da vía: desde o quilómetro 1,3 ao 8. Os traballos consistirán na reapertura de cunetas, saneo da explanada, reparación de desperfectos e repavimentación. Avanzou o Deputado Provincial que estas obras “terán un impacto moi importante, porque esta vía dá acceso a miradoiros, bodegas e explotacións de viño, sendo unha infraestrutura clave para o desenvolvemento da economía local. En base a esa importancia, levamos investidos máis de 700.000€ nesta estrada nos últimos seis anos”. 

- En Xove adxudicouse á empresa José No Mantiñán e Hijos Construcciones SA por  810.216€ as obras de mellora de 3 vías provinciais ao seu paso por este concello mariñán. Este proxecto enmárcase dentro do convenio de colaboración asinado pola Deputación de Lugo con este municipio para cederlle as 10 estradas de titularidade provincial. Neste acordo, a institución provincial comprometíase a mellorar 4 destas vías antes de traspasalas definitivamente. Neste contexto, hoxe adxudicáronse as seguintes:

•    Na LU-P-2601, a vía que une a autonómica LU-862 co Portiño de Morás, arranxarase un treito de algo máis de 2 quilómetros -do 2,850 ao 5,285-, quedando así acondicionada practicamente a totalidade da estrada.
•    Na LU-P-2604, que vai da autonómica LU-862 ata Valcarria por Monte, mellorarase un tramo de algo máis de 3 quilómetros desde o inicio da vía -do 0 ao 3,140-.
•    E na LU-P-2605, entre A Tronca e Tarolo por Vila, os traballos realizaranse nun tramo de case 3 quilómetros tamén desde o comezo da estrada -do 0 ao 2,700.

As obras que se van acometer nestas vías son: a reapertura de cunetas, a pavimentación con aglomerado en quente e a sinalización horizontal e vertical. Unha vez se inicien os traballos o prazo de execución será de 6 meses.

Contrato de conservación e mantemento da zona 5


O último acordo que se aprobou en materia de mobilidade foi a adxudicación á empresa Construcciones Carballeira SL por un importe de 1.015.852,61€ do contrato de conservación e mantemento da zona 5 da rede viaria provincial que conforman os concellos da Montaña Lucense de A Fonsagrada, Negueira de Muñiz, Ribeira de Piquín e Navia de Suarna. Este contrato, no que se inclúen as actuacións correspondentes de conservación e mantemento desta zona, conta cunha duración de dous anos e poderá prorrogarse por outro ano máis. 

Aprobadas dúas listaxes de emprego


Por último, na reunión desta mañá a Deputación de Lugo aprobou a convocatoria e as bases para dúas listaxes de emprego de administrativo e de técnico de xestión para cubrir necesidades de persoal en diferentes servizos da institución provincial. Nos vindeiros días sairán publicadas no Boletín Oficial da Provincia.