Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo e a FEGAMP alertan da “presión” da Xunta sobre os concellos cunha lei que aumenta obrigas sen financiamento

FEGAMP
carmela lópez
Carmela López abordou con Alberto Varela temas que serven para diagnosticar o estado do poder local como o anteproxecto de Lei de Administración Local, o Servizo de Axuda no Fogar, a vivenda pública e a prevención dos lumes

Valoraron que a nova norma proposta pola Xunta “debilita” o sostemento dos municipios porque pretende “cargar aos concellos e ás deputacións con máis obrigas, deixalos cos mesmos recursos de sempre e reducir a súa capacidade de decidir” 

“A Deputación vai estar ao lado dos concellos fronte a esa presión”, valorou López, quen engadiu que “os da nosa provincia están en claro declive demográfico, e non poden ser obxecto dunha reforma que os trata como un problema de eficiencia administrativa”
 

A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, recibiu este martes ao Presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alberto Varela Paz, no marco da rolda de contactos institucionais que está a facer desde que tomou posesión como mandataria provincial a primeiros de ano. A reunión de traballo tivo lugar no despacho da Presidenta, e serviu para analizar o estado dun municipalismo galego “ao que se lle pide cada vez máis e se lle dá cada vez menos”.

“Os problemas que afrontan os concellos galegos son problemas estruturais que teñen que ver co modelo de administración que queremos para Galicia. Con quen toma as decisións. Con quen pon os cartos. E con quen acaba pagando as consecuencias cando os cartos non chegan”, valorou Carmela López na comparecencia posterior ante os medios de comunicación. 

Informou a Presidenta que abordaron cinco asuntos que serven para diagnosticar estado do poder local: o anteproxecto de Lei de Administración local, a dixitalización, o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), a falta de vivenda pública e a prevención dos lumes forestais. 

“Vimos de presentar as nosas alegacións ao anteproxecto”, anunciou a Presidenta que especificou que a institución provincial presentou máis de 20 obxeccións concretas a un documento de 25 páxinas porque “na nosa opinión, non fai o que promete”. Nese sentido, Carmela López destacou que a norma, que prometía “fortalecer o municipalismo galego” o que fai en realidade é “cargar aos concellos e ás deputacións con máis obrigas, deixalos cos mesmos recursos de sempre e reducir a súa capacidade de decidir. Iso non é fortalecer, é debilitar”. 

Deixou claro que a Deputación de Lugo cre na necesidade dunha reforma “urxente”, porque a Lei en vigor é de 1997, “pero necesita unha lei feita con rigor, con participación real das entidades locais e con honestidade sobre o que nos vai custar. Este texto non cumpre ningunha das tres condicións”. Denunciou que non tivo un período de consulta previa como esixe a lei e “que non hai informes económicos que expliquen canto custan as novas competencias”.

Subliñou que “hai artigos que permiten delegar competencias propias nas deputacións ou que abren a porta a fusionar concellos de forma forzosa”. “A Deputación de Lugo vai estar ao lado dos concellos fronte a esta presión. Os concellos pequenos da nosa provincia están en claro declive demográfico. Non poden ser obxecto dunha reforma que os ignora ou que os trata como un problema de eficiencia administrativa”, denunciou. Nese sentido, o texto proposto pola Xunta introduce novas esixencias en dixitalización, administración electrónica, uso de intelixencia artificial e unha xestión máis complexa de servizos públicos. Pero moitos non teñen os recursos técnicos nin persoais para asumir estas obrigas.

Precisamente, no que ten que ver coa dixitalización, a Presidenta destacou que a Deputación “apoia activamente a modernización tecnolóxica das administracións locais” e avanzou que na próxima Xunta de Goberno da institución provincial renovarán a adhesión ao convenio co Goberno galego e coa FEGAMP para o uso de ferramentas dixitais. “Un exemplo de como debe funcionar a colaboración interadministrativa: a Xunta pon os recursos, as entidades locais usámolos de forma voluntaria, sen cargas adicionais. Ese é o modelo que defendemos e que non é o deste anteproxecto”.

Déficits estruturais no SAF, vivenda e prevención de lumes


Na reunión abordáronse tamén cuestións que arrastran déficits estruturais como o  que o Servizo de Axuda no Fogar, a vivenda ou a prevención de lumes. No que respecta ao SAF, sinalou Carmela López que é un servizo esencial que os concellos están obrigados a prestar, pero que a Xunta financia de forma insuficiente. Indicou que o acordo entre a Xunta e a FEGAMP supón un paso, pero que incluso no 2028, tras tres anos de subas progresivas, “seguirá existindo unha fenda de seis euros por hora entre o que a Xunta paga e o que realmente custa este servizo”. 

Destacou que, no que ten que ver coa vivenda, a Xunta ten competencia exclusiva, ten ferramentas para actuar e ten financiamento estatal dispoñible, pero recalcou que “no 2025 deixou sen executar o 90% dos fondos destinados ao acceso á vivenda”. Unha inacción que “non é un problema técnico, é unha decisión política”. E avanzou que mañá o tratará con Alfonso Rueda na reunión que manterá co Presidente da Xunta en Santiago.

Ademais, destacou que Lugo leva anos convivindo coa ameaza dos incendios forestais, porque ten unha poboación dispersa, núcleos rurais pequenos, unha gran superficie forestal e concellos que non teñen nin os medios nin o persoal para xestionar sós as faixas de protección arredor das vivendas, núcleos de poboación ou infraestruturas nas que é obrigatorio limpar e xestionar a vexetación para reducir o risco de incendios. Nese sentido lembrou que a FEGAMP rexeitou en decembro o borrador de convenio que propuxo a Xunta, “e fixo ben, porque este borrador non recollía o que os concellos necesitan: máis cobertura e financiamento”.

Pola súa banda, Alberto Varela destacou “a intelixencia e a empatía” de Carmela “como o seu mellor aliado para liderar a nova etapa que se abre na Deputación de Lugo” e subliñou a pertinencia da reunión celebrada hoxe nun momento “clave” para o municipalismo. Na liña da Presidenta, destacou que a nova Lei de Administración Local de Galicia debe basearse nunha financiación incondicionada e na soberanía municipal, apelando á necesidade de que os concellos teñan voz propia no deseño da norma.