A Vicepresidencia da Deputación colabora coa organización da CAMOVI, o 18 e 19 de abril en Viveiro
O Pazo de San Marcos acolleu a presentación da décimo quinta edición da Camovi, que se celebrará os días 18 e 19 de abril na contorna do monte San Roque de Viveiro.
A Vicepresidencia da Deputación colaborará un ano máis na organización da proba que conta con máis de 900 persoas inscritas nas diferentes modalidades de participación - C42K, C21K, C10K, C42K RELEVOS, CamoviKIDS e unha andaina – e que completou xa as prazas dispoñibles nas distancias 21 e 10 quilómetros.
Efrén Castro destacou a Camovi como “unha das máis importantes do país” e que “supón unha fin de semana espectacular para un concello como Viveiro, grazas ao bo traballo do club e da organización que leva anos traballando para posicionar esta carreira a nivel internacional”
“Somos unha carreira pioneira, que fomos dando pasos medidos e estudiados. Non queremos ampliar o número de dorsais porque masificar o evento sería ir en contra da esencia do evento,que se plantea como unha experiencia de natureza, familia e aventura”, explicou Pedro Esmorís, director da carreira durante o acto, no que participaron tamén María Gueimunde, alcaldesa de Viveiro, e Manuel Otero, xefe de Deportes da delegación da Xunta de en Lugo.
A Camovi comezará o sábado coa Camovi Kids e a andaina e reserva para o domingo as probas de 42, 21 e 10 quilómetros. Nomes destacados do trail estatal como Alain Santamaría, Nerea Irigoyen, Antonio Martínez ou Roberto García ou o portugués Tiago Vieira confirmaron a súa participación na categoría elite.