Taboada afonda na memoria colectiva cunha mostra de fotografías de celebracións populares realizada por persoas usuarias de AFA Chantada
Este mediodía inaugurouse no Centro Sociocultural de Taboada a exposición "Fotografías de tradicións para o recordo" realizadas polas persoas que participan nos grupos de envellecemento activo da Asociación de Familiares de Alzheimer de Chantada (AFA Chantada) nos concellos de Taboada, Chantada, Carballedo e Palas de Rei e financiado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
Trátase de montaxes fotográficas que superpoñen imaxes de lugares ou celebracións populares da contorna en dous momentos do tempo, de forma que se fan evidentes os cambios en edificacións, rúas, campos da festa, vestiario ou medios de transporte ao longo das últimas décadas.
A deputada de Cultura Iria Castro, que inaugurou a exposición xunto ao alcalde de Taboada Roi Agromartín, o tenente alcalde Xosé Portela e representantes de AFA Chantada, valorou "a iniciativa que parte do territorio e das tradicións para crear un proxecto conxunto" e destacou "que as actividades se desenvolveron en centros sociais das parroquias, espazos fundamentais para a vida comunitaria e a participación social e cultural no rural"
A exposición viaxará polo resto dos concellos baixo a coordinación AFA Chantada.