Carmela López valora a chegada de Rosa Crujeiras á fronte da USC: “un teito de cristal menos nunha institución estratéxica para Galicia”
A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, felicitou este venres a Rosa Crujeiras tras a súa toma de posesión como reitora da Universidade de Santiago de Compostela. A este acto, que tivo lugar no Colexio de Fonseca de Santiago de Compostela, tamén asistiron numerosas autoridades académicas, institucionais e políticas.
A mandataria provincial recalcou que “a USC escribe hoxe unha nova páxina na súa historia coa incorporación da súa primeira reitora tras máis de 500 anos. Un importante paso que rompe un teito de cristal nunha institución educativa que é estratéxica para toda a comunidade galega”.
Destacou ademais que “máis alá do valor simbólico, a chegada de Rosa Crujeiras contribúe a consolidar referentes femininos en espazos de máxima responsabilidade. As mulleres temos que estar tamén en postos de liderado para avanzar na construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria para todas e todos”.
Carmela López destacou a importancia do Campus Terra para o futuro da provincia de Lugo “tanto no ámbito formativo como na xeración de oportunidades para os mozos e mozas lucenses”. Neste sentido, expresou tamén o seu compromiso de seguir mantendo unha “colaboración fluída” entre a institución provincial e esta entidade educativa “que se materializa a través de diferentes colaboracións e proxectos como a Granxa Experimental de Leite na finca provincial Gayoso Castro”.