Deputación de Lugo

A Deputación inicia as obras de mellora na estrada LU-P-4905 entre Portomarín e Taboada

Portomarín
Taboada
REDE DE ESTRADAS PROVINCIAIS
A institución provincial inviste practicamente 238.000€ para renovar o pavimento nos primeiros 10,5 quilómetros desta vía, e cun prazo de execución dun mes e medio

A Deputación de Lugo vén de iniciar este mércores as obras de mellora na estrada provincial LU-P-4905, que conecta os concellos de Portomarín e Taboada. Esta actuación céntrase nos primeiros 10,5 quilómetros da vía, ao seu paso polo termo municipal de Portomarín, e conta cun prazo de execución estimado de mes e medio desde o comezo dos traballos.

A empresa Construcciones y Obras Taboada Ramos SLU é a encargada de levar a cabo as obras, que inclúen a reapertura de cunetas, o saneo da explanada e a renovación do firme mediante pavimentación, co obxectivo de mellorar a seguridade viaria e as condicións de circulación neste treito da rede provincial.

Esta intervención dá continuidade a un proxecto anterior de mellora da mesma vía, que afectou ao tramo comprendido entre os puntos quilométricos, cun investimento de 200.000 euros. Co conxunto destas actuacións, a Deputación de Lugo completará a renovación integral da estrada LU-P-4905.

Trátase dunha actuación de grande importancia para a mobilidade da zona, xa que esta estrada é a principal vía de comunicación entre Portomarín e Taboada e dá servizo directo a numerosas parroquias do seu ámbito de influencia. A súa mellora permitirá facilitar os desprazamentos cotiáns da veciñanza, incrementando a seguridade viaria e contribuíndo á mellora da conectividade e da cohesión territorial.