A Deputación destaca o potencial astronómico dos Ancares nunha xornada divulgativa sobre a eclipse
O Deputado de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Xosé María Arias, abriu este xoves a xornada Galicia, porta da entrada da eclipse – DTS Ancares Lucenses, organizada pola Axencia de Turismo de Galicia en colaboración coa Reserva Ancares Lucenses e Montes de Navia e Becerreá, que xestiona a Deputación, para dar a coñecer á veciñanza claves sobre astronomía básica e para unha observación segura.
“Este é un espazo privilexiado para mirar ao ceo. A baixa contaminación luminosa, a calidade ambiental e o respecto pola natureza converteron aos Ancares nun referente, recoñecido ademais como destino Starlight”, apuntou Arias. Un distintivo que, na súa opinión “pon en valor as condicións excepcionais desta Reserva da Biosfera para a observación astronómica, pero ademais un modelo de turismo sostible, vencellado ás experiencias, polo que apostamos na Deputación”.
Destacou que a Deputación defende “un rural vivo, dinámico e cheo de oportunidades. Actividades como esta demostran que os nosos territorios poden ser tamén espazos para a ciencia, a cultura e o turismo de calidade”.
A xornada inclúe a charla de Begoña Estévez e Antonio Pazos, Astronomía básica dunha eclipse e observación segura; un taller de fotografía da eclipse impartido por Fernando Rey Daluz; e un simulacro da eclipse, con práctica de fotografía e observación solar.