Deputación de Lugo

Arrancan as obras na estrada provincial que une Chantada e Os Peares cun investimento de 300.000€

A Deputación de Lugo comezou os traballos de acondicionamento da vía LU-P-1801 nun treito que vai desde o quilómetro 6 ao 29, e cun prazo de execución de 3 meses

A Deputación de Lugo iniciou hoxe os traballos de mellora do firme na estrada provincial LU-P-1801, que conecta Chantada e Os Peares ao seu paso por Nogueira. A actuación permitirá acondicionar un total de 23 quilómetros de vía, concretamente entre os puntos quilométricos 6 e 29, cun investimento superior aos 300.000 euros.

As obras, que teñen un prazo de execución de3 meses, foron adxudicadas á empresa Construcciones y Obras Taboada Ramos SLU. Os primeiros labores centraranse na limpeza e reapertura de cunetas para garantir unha correcta drenaxe da estrada, e posteriormente iniciarase a renovación do firme mediante tarefas de pavimentación.

Con esta actuación, a institución provincial continúa avanzando no seu plan de conservación e mellora da rede viaria provincial, co obxectivo de incrementar a seguridade viaria. A LU-P-1801 é unha estrada de especial importancia para a mobilidade da zona sur da provincia, xa que conecta distintos núcleos de poboación e soporta tráfico local, agrícola e de servizos. 

Paralelamente, a Deputación continúa executando nesta mesma vía obras de emerxencia para reforzar un muro de sostemento situado no quilómetro 14,5, ao seu paso pola parroquia de Nogueira de Miño. Estes traballos avanzan a bo ritmo e a previsión é que a estrada poida quedar reaberta ao tráfico nun prazo aproximado de dous meses.