Deputación de Lugo

A Deputación inicia as obras de mellora de dúas estradas ao seu paso por Muras nas que inviste máis de 450.000€

estradas
Muras
A institución provincial vén de comezar os traballos de arranxo na LU-P-3402, que vai da Gañidoira a Viveiró; e na LU-P-6502, a vía que vai de Vilalba a Chavín pola Balsa. Acondicionaranse algo máis de 12 quilómetros en total

A Deputación de Lugo vén de iniciar esta semana as obras de mellora de dúas estradas provinciais que vertebran o concello de Muras e para as que destina un total de 462.270,43€, un investimento co que se arranxarán algo máis de 12 quilómetros. A empresa encargada de levar a cabo as obras é Cholo SL. 

Por unha banda, a institución provincial está a acondicionar a vía LU-P-3402, que une A Gañidoira coa parroquia de Viveiró, e na que se está a mellorar a estrada desde o seu inicio ata o punto quilométrico 6,120. Os traballos consistirán na reapertura de cunetas, na pavimentación con aglomerado en quente e na sinalización horizontal e vertical. Esta é unha vía moi relevante tanto para veciños como visitantes, posto que dá acceso a puntos de interese turístico como o Miradoiro de Mazoi. 

Por outro lado, a Deputación de Lugo tamén está a acondicionar un tramo de algo máis de 6 quilómetros da LU-P-6502, a estrada que vai de Vilalba a Chavín pola Balsa no treito que vai do punto quilométrico 18,100 ao 24,300. O proxecto inclúe a reparación integral da estrutura e ademais a reapertura de cunetas, a reparación de desperfectos, a repavimentación e a sinalización horizontal e vertical. Precisamente neste tramo sitúase a ponte que colapsou -á altura do punto quilométrico 22,2- a causa dos fortes temporais e que xa se atopa reparada e plenamente operativa tras a finalización das obras de reconstrución.