Deputación de Lugo

A Deputación destaca que a Feira de Primavera de Emprendedoras “representa moi ben o talento que ten o noso rural”

miguel fernández
Fadas
Lugo
Miguel Fernández participou este sábado na inauguración da Feira de Primavera Artesanía e Innovación no Rural, que reúne na Praza Maior unha vintena dee postos con produtos e servizos artesanais liderados por mulleres

O Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández Méndez, participou este sábado na inauguración da quinta edición da Feira de Primavera Artesanía e Innovación no Rural, organizada polo Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e que reúne ao longo de todo o día 25 postos de mulleres que promocionan os seus produtos e servizos artesanais.  

Miguel Fernández puxo en valor esta iniciativa e sinalou que “representa moi ben a forza que ten hoxe o noso rural. O que vemos aquí é talento, iniciativa, creatividade e persoas que decidiron apostar polo seu, crear oportunidades e construír futuro desde Lugo e desde o rural. E iso ten un enorme valor”.  

Nese sentido, puxo en valor o papel da artesanía e do emprendemento como motores de desenvolvemento económica e social no territorio. “Ás veces parece que innovar consiste en esquecer o que somos, e eu creo xustamente o contrario. Creo que os territorios máis fortes son os que saben avanzar sen perder a súa esencia, transformando tradición, oficio e saber facer en oportunidades de futuro”, subliñou.

O Deputado incidiu tamén no compromiso da Deputación co apoio ás persoas emprendedoras e coa dinamización do rural. “Dende a Deputación cremos nun rural vivo, dinámico e con oportunidades. Nun rural no que emprender sexa posible e no que o talento atope apoio, visibilidade e espazos para medrar. Porque apoiar ás persoas emprendedoras é tamén apoiar a economía local, fixar poboación e fortalecer o tecido social da provincia”, asegurou.

Así mesmo, destacou que detrás de cada proxecto presente na feira “hai esforzo, constancia, risco e persoas que decidiron emprender sen renunciar ás súas raíces nin ao lugar no que queren vivir”, ao tempo que puxo en valor a colaboración entre a universidade e o territorio para crear redes de coñecemento, innovación e novas oportunidades arredor da creatividade e do emprendemento.

A programación da feira incluíu mesas redondas sobre innovación e o futuro da artesanía, unha demostración artesanal a cargo da empresa Fusaiola —na que o público puido coñecer técnicas básicas de tecido en teares de sobremesa de peite ríxido— e un espazo de degustación con food truck, música e actividades de ambientación.