Deputación de Lugo

A Deputación pon en valor o Campus lucense da USC nos actos de graduación de Bioquímica, ADE, Empresa e Tecnoloxía e Relacións Laborais

graduación
Lugo
USC

Os Deputados provinciais de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández Méndez, e de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participaron este venres nos actos de graduación da III promoción dos graos en Bioquímica e en Empresa e Tecnoloxía, da XIV promoción de Administración e Dirección de Empresas (ADE) e da XVI promoción de Relacións Laborais e Recursos Humanos.

Durante estes actos, os representantes provinciais trasladaron os seus parabéns ao alumnado titulado do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela, “destacando o papel fundamental da universidade como motor de transformación social e económica do territorio”. 

Os actos celebráronse en distintas instalacións universitarias: na Facultade de Ciencias de Lugo (grao en Bioquímica), na Facultade de Veterinaria (graos en Empresa e Tecnoloxía e ADE) e na Escola Universitaria de Relacións Laborais e Recursos Humanos.

Intensa colaboración coa universidade pública

A Deputación de Lugo mantén un firme compromiso coa Universidade de Santiago de Compostela e co Campus lucense, impulsando o ensino superior público a través de programas académicos, apoio á investigación e mellora de infraestruturas. Este traballo concrétase nun convenio anual de 370.500 euros destinado ao reforzo de centros e institutos de investigación, ao mantemento de instalacións e zonas verdes e ao apoio de proxectos de divulgación científica como o campus de verán Xuvenciencia, ademais doutras actividades formativas e de promoción das titulacións do campus.

A colaboración complétase con actuacións como a cesión de terreos para a nova Facultade de Formación do Profesorado e a gaiola de drons, o convenio coa CEL, a USC e Caixa Rural Galega para impulsar a investigación tecnolóxica e a Granxa Experimental de Leite en Gayoso Castro, que ofrece formación práctica en contornas produtivas reais.