A Deputación pon en valor o Campus lucense da USC nos actos de graduación de Bioquímica, ADE, Empresa e Tecnoloxía e Relacións Laborais
Os Deputados provinciais de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández Méndez, e de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participaron este venres nos actos de graduación da III promoción dos graos en Bioquímica e en Empresa e Tecnoloxía, da XIV promoción de Administración e Dirección de Empresas (ADE) e da XVI promoción de Relacións Laborais e Recursos Humanos.
Durante estes actos, os representantes provinciais trasladaron os seus parabéns ao alumnado titulado do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela Universidade de Santiago de Compostela, “destacando o papel fundamental da universidade como motor de transformación social e económica do territorio”.
Os actos celebráronse en distintas instalacións universitarias: na Facultade de Ciencias de Lugo (grao en Bioquímica), na Facultade de Veterinaria (graos en Empresa e Tecnoloxía e ADE) e na Escola Universitaria de Relacións Laborais e Recursos Humanos.
Intensa colaboración coa universidade pública
A Deputación de Lugo mantén un firme compromiso coa Universidade de Santiago de Compostela e co Campus lucense, impulsando o ensino superior público a través de programas académicos, apoio á investigación e mellora de infraestruturas. Este traballo concrétase nun convenio anual de 370.500 euros destinado ao reforzo de centros e institutos de investigación, ao mantemento de instalacións e zonas verdes e ao apoio de proxectos de divulgación científica como o campus de verán Xuvenciencia, ademais doutras actividades formativas e de promoción das titulacións do campus.
A colaboración complétase con actuacións como a cesión de terreos para a nova Facultade de Formación do Profesorado e a gaiola de drons, o convenio coa CEL, a USC e Caixa Rural Galega para impulsar a investigación tecnolóxica e a Granxa Experimental de Leite en Gayoso Castro, que ofrece formación práctica en contornas produtivas reais.