A Deputación informa do corte do cinto comarcal á altura de Castroverde por obras no paso sobre a LU-530
A Deputación de Lugo informa de que, con motivo das obras de reparación da ponte situada sobre a estrada autonómica LU-530, na súa intersección coa vía provincial LU-P-1611, será necesario cortar ao tráfico un tramo do cinto comarcal ao seu paso polo concello de Castroverde.
Esta actuación será executada pola Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), dependente da Consellería de Vivenda e Infraestruturas da Xunta de Galicia e obrigará ao peche permanente da vía provincial entre os puntos quilométricos 118,500 e 118,900 desde o vindeiro luns 13 de xullo. A duración estimada dos traballos é de aproximadamente dous meses.
Durante este tempo tamén se producirán cortes parciais e intermitentes na LU-530 baixo a ponte, en función das necesidades da obra.
O cinto comarcal, a LU-P-1611, é unha das principais vías da rede provincial ao conectar diferentes concellos do centro da provincia e canalizar un importante volume de tráfico. Para minimizar as afeccións á circulación, habilitaranse desvíos alternativos que estarán debidamente sinalizados, polo que a Deputación recomenda ás persoas usuarias que extremen a precaución, respecten a sinalización provisional e planifiquen os seus desprazamentos con antelación mentres duren as obras.