Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A Deputación reivindica o seu compromiso coa rede pública de residencias fronte á “falta de resposta da Xunta”

rede de centros de atención a maiores
“A provincia necesitaba residencias públicas e a Deputación decidiu non mirar para outro lado, mesmo nun ámbito no que a competencia é da Xunta”, valorou o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón

Desde 2019 ata 2026, a Deputación mobilizou 47 millóns de euros vinculados á súa rede residencial para abrir e manter 9 centros na provincia nos que se atende a 400 persoas e avanzar noutros 9 proxectos que están en funcionamento

Sobre os prezos públicos, Rivera Capón lembrou que os 2.200 euros son un prezo de referencia, non o que paga cada residente; que ningunha persoa asume o 100% dese prezo e que a achega se calcula segundo a capacidade económica e patrimonial

A xefa do Servizo de Benestar Social explicou ademais que ao 25% das persoas usuarias a actualización lles supuxo un incremento inferior a 60 euros ao mes e precisou que o cálculo realízase exclusivamente segundo o patrimonio líquido de cada persoa

A Deputación de Lugo reivindicou este venres o seu compromiso coa atención ás persoas maiores e coa consolidación dunha rede pública de residencias de proximidade, especialmente pensada para o rural, fronte ao que considera “unha falta de resposta da Xunta de Galicia, administración competente en materia de servizos sociais e dependencia”.

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, fixo este venres balance da situación da rede provincial e asegurou que “esta provincia necesitaba –e necesita– residencias públicas” e que a Deputación decidiu asumir ese esforzo “porque había unha necesidade real no territorio e as persoas maiores de Lugo non podían quedar sen unha alternativa pública de proximidade”.

“Nós non miramos para outro lado”, sinalou Rivera Capón, quen defendeu que unha persoa maior “debe poder recibir coidados públicos preto da súa casa, da súa familia e do seu concello”. A institución provincial conta actualmente con 9 residencias públicas en funcionamento e preto de 400 persoas usuarias, mentres traballa noutros 9 proxectos. Engadiu que desde 2019 ata 2026, a Deputación ten mobilizados 47 millóns de euros vinculados á rede residencial.

Novos proxectos en marcha

Repasou a situación dos principais centros que se atopan en diferentes fases de desenvolvemento. Como o de Becerreá, onde explicou que a Deputación deu un novo impulso á posta en funcionamento do centro coa licitación do equipamento xeral por máis dun millón de euros e a licitación da cociña industrial, por preto de 460.000 euros.

Na Pontenova, a institución provincial avanza na finalización da residencia da man de Tragsa e detallou o proceso administrativo desencadeado polos incumprimentos da empresa e dos que se deu conta con transparencia e claridade; na Pobra do Brollón, os traballos atópanse nos últimos pasos para a certificación final da obra; en Ourol, a licitación da residencia está prevista nos próximos meses; en Cervantes, o proxecto está practicamente finalizado; e en Guitiriz, a Deputación está traballando para retomar as obras. “Non son anuncios: son expedientes, licitacións, obras e investimentos que están avanzando”, subliñou Rivera Capón.

Rivera Capón quixo aclarar especialmente a situación da residencia de Folgoso do Courel. Explicou que se produce un peche dun expediente administrativo porque rematou o prazo da cesión da parcela á Deputación e lembrou que “foi o propio Concello de Folgoso, a través da súa Alcaldesa do PP, quen solicitou a reversión dos terreos”.

“Que se peche ese expediente non significa que desapareza a necesidade dunha residencia para Folgoso”, explicou. “Significa que a Deputación cumpre coa vontade expresada polo propio municipio, nun contexto no que existe ademais un compromiso da Xunta de Galicia para construír ese centro”.

Rivera Capón celebrou que a Xunta asuma as súas responsabilidades nese caso: “A Deputación leva anos facendo un esforzo extraordinario para manter e ampliar unha rede pública de residencias, mesmo nun ámbito no que as competencias corresponden á Xunta. Agora tamén lle corresponde á Xunta cumprir os compromisos que adquiriu”.

A Xunta ten as competencias e os recursos

O responsable provincial destacou ademais o esforzo económico que supón manter unha rede deste tipo para unha administración como a Deputación. “Estamos levando ao límite a nosa capacidade para manter e ampliar unha rede que consideramos esencial para a provincia”, afirmou, reclamando tamén unha maior implicación da Xunta.

Neste sentido, puxo sobre a mesa a diferenza de capacidade orzamentaria entre ambas administracións: fronte aos 135 millóns de euros do orzamento provincial de 2026, a Xunta conta con 1.473 millóns de euros consignados para Promoción Social. A Xunta ten as competencias e ten os recursos. E a Deputación ten a vontade de dar resposta a unha necesidade que o territorio leva anos demandando”, resumiu.

Prezos públicos e prezos de referencia, unha confusión intencionada

Na segunda parte da comparecencia, o Deputado abordou a actualización dos prezos públicos dos centros provinciais e criticou a “confusión interesada” que, ao seu xuízo, está trasladando o PP. “Os 2.200 euros non son o que paga todo o mundo. Son un prezo de referencia”, aclarou. A nova ordenanza aprobada pola Deputación actualiza uns prezos de referencia que permanecían sen revisar desde 2018 e establece que a participación das persoas usuarias se determine atendendo á súa capacidade económica e patrimonial. “Quen menos ten, menos paga; quen máis ten, máis contribúe”, resumiu Rivera Capón.

Lembrou que para calcular a capacidade económica non se ten en conta unicamente a pensión, senón tamén os ingresos e o patrimonio, con mecanismos de protección para as persoas con menor capacidade económica. Entre eles, os primeiros 10.000 euros en depósitos bancarios non computan no cálculo establecido pola ordenanza.

O Deputado explicou que o custo efectivo dunha praza residencial sitúase nos 2.358,75 euros mensuais e que a actualización podía facerse de dúas maneiras: establecendo unha mesma achega para todas as persoas ou repartindo o esforzo segundo a capacidade económica. “Nós escollemos a segunda opción: un sistema progresivo que protexe máis a quen menos ten”, afirmou.

A actualización non significa que todo o mundo pague máis

A xefa do Servizo de Benestar Social e Igualdade, que acompañou ao deputado na comparecencia, explicou os aspectos técnicos do novo sistema e destacou que ningunha persoa usuaria paga o 100% do custo efectivo da praza. Precisou que o prezo de referencia e o prezo público que finalmente paga cada persoa son conceptos diferentes: o primeiro serve como referencia para determinar o custo e a participación no servizo, mentres que a achega concreta de cada usuario se calcula en función da súa situación económica.

Neste sentido, detallou que ao 25% das persoas usuarias a actualización lles supuxo un incremento inferior a 60 euros mensuais e o 50% por menos de 200 euros. A responsable do servizo explicou ademais que o cálculo ten en conta a evolución da situación económica das persoas usuarias. Polo tanto, non se fixa unha cantidade inamovible sobre o patrimonio, senón que as variacións na capacidade económica poden repercutir no cálculo da achega.

Así, unha persoa non ten que recorrer á súa familia nin pedir a terceiros os cartos necesarios para pagar a súa praza: o sistema calcula a súa participación a partir da súa propia capacidade económica e patrimonial líquida.

O modelo de residencias que a Deputación quere para a provincia

Rivera Capón defendeu que detrás da discusión sobre os prezos existe un debate político de fondo: que modelo de residencias públicas quere a provincia de Lugo. “Nós temos nove residencias de xestión directa, pensadas especialmente para o rural, para garantir equilibrio territorial, servizos de proximidade e permanencia das persoas no seu contorno familiar e social. Un modelo que é referencia a nivel nacional e europeo”.

Neste sentido, destacou que unha residencia pública rural “non é só unha residencia”: é tamén “unha política contra o desarraigo”. “Queremos que unha persoa maior poida seguir facendo a súa vida no seu concello, preto da súa xente, e que non teña que marchar 40 ou 50 quilómetros para recibir coidados”, explicou.

Concluíu que “prezo e arraigo van da man no noso modelo de residencias públicas”. Explicando que “queremos que unha residencia de Pol, de Trabada, Pedrafita ou de calquera outro concello da provincia poida ser utilizada tanto pola veciña que ten unha pensión baixa como pola persoa que ten máis recursos. Pero non queremos que paguen o mesmo, porque non teñen a mesma capacidade económica”.
“Queremos que quen máis pode contribúa máis, que quen menos ten estea máis protexido e que ninguén teña que marchar do seu concello para recibir coidados. Para nós, iso é defender os servizos públicos”, destacou.