Cultura
Deputación de Lugo

O alumnado do IES Xograr Afonso Gómez de Sarria achégase á música en galego actual coa exposición Galegoza da Vicepresidencia da Deputación de Lugo

Sarria
Musica
Presentación de Galegoza

Lugo, 15 de setembro 2026.-   O alumnado do IES Xograr Afonso Gómez de Sarria acolle a mostra "Galegoza. A canción en galego", impulsada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo para dar a coñecer ao público máis novo a amplísima oferta musical no noso idioma.

A mostra, en itinerancia por centros de secundaria da provincia, está formada por unha trintena de paneis que repasan o percorrido histórico da música en galego desde os anos sesenta ata a revolución creativa actual, a través das bandas e solistas máis influíntes en diferentes estilos -ritmos tradicionais revisados e actualizados, pop, rock, canción de autoría, experimentación e electrónica, músicas urbanas, hip hop ou rap-.

O vicepresidente Efrén Castro participou esta mañá na inauguración da mostra, na que o alumnado puido afondar no contido da mostra co comisario do proxecto e responsable do portal Ábrete de Orellas Pepe Cunha.

A  exposición incorpora códigos QR cunha ligazón directa a unha lista de reprodución propia do proxecto para poder escoitar unha escolma de temas representativos da evolución descrita nos paneis.  O alumnado pode participar no sorteo duns ipods respondendo a un cuestionario sobre o contido da exposición.