A exposición 21S(empre) reune no Museo Provincial a 33 artistas, asociacións e á comunidade educativa para mostrar a realidade do Alzheimer
Lugo, 15 de setembro de 2026.- A deputada de Cultura, Iria Castro, participou, xunto coa xerente da Rede Museística e comisaria da exposición, Encarna Lago; Silvia Fiallega, tamén comisaria da mostra e Aurelia Balseiro, directora do Museo Provincial de Lugo, na inauguración da exposición colectiva «21 S(empre)»
Trátase dunha mostra colaborativa entre 33 artistas, asociacións de familiares e de persoas con Alzheimer, e a comunidade educativa do IES Alfoz-Valadouro, que integra diversas olladas e disciplinas artísticas.
Iria Castro valorou que “con 21S(empre) a Rede Museística volve poñer o foco nas problemáticas sociais, neste caso, das persoas con Alzheimer e as súas familias, usando a creación artística como altofalante da súa realidade e como instrumento para reivindicar dereitos e dignidade”. “Desde as institucións públicas temos a responsabilidade de defender unha sanidade pública que garanta o acceso aos tratamentos para todas as persoas, en igualdade”.
A exposición poderá visitarse ata o 30 de outubro na sala Multiusos do Museo Provincial.
Fotografías: Iria Castro, coas artistas que achegaron obras ao proxecto// Iria Castro, na intervemción inaugural.