Piragüismo, morcegos e rutas para celebrar o Día Internacional das Reservas da Biosfera en Terras do Miño e nos Ancares Lucenses
Son un total de dez propostas dirixidas a todos os públicos co obxectivo de poñer en valor o patrimonio natural, cultural e paisaxístico destas Reservas que xestiona a institución provincial
A Deputación de Lugo conmemora o vindeiro 3 de novembro o Día Internacional das Reservas da Biosfera da UNESCO cunha ampla programación de actividades divulgativas, educativas, culturais e ambientais nas Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses. A iniciativa, que se desenvolve da man de distintas entidades asociativas dos dous territorios, inclúe un total de dez propostas dirixidas a públicos diversos e repartidas por diferentes concellos da provincia. As actividades na Reserva da Biosfera Terras do Miño serán as seguintes:
Artesanía alimenaria en Fingoi II e traxe tradicional en Benade
A Asociación Galega de Operadoras Artesanais e Alimentación e Pensos (AGOAAP), organiza dous obradoiros de artesanía alimentaria no centro educativo infantil Fingoi II, en Lugo. A actividade, que se desenvolverá entre as 10:00 e as 13:30 horas, está dirixida a 60 nenos e nenas de entre 3 e 6 anos e permitirá achegarlles os recursos naturais do territorio a través da elaboración artesanal de alimentos.
Pola súa banda, a Asociación de Mulleres Rurais Alfinete inaugurará unha exposición aberta ao público no local social da antiga Escola de Benade, en Lugo. A mostra reunirá os traballos realizados no obradoiro de traxe tradicional galego, xunto con pezas doutros talleres artesanais promovidos pola asociación. A iniciativa busca recuperar, preservar e dinamizar o patrimonio cultural e artesanal da Reserva.
Bautismos de piragüismo en Lugo e ruta a carón do río Requeixo (Guitiriz)
O río Miño será tamén protagonista da xornada da man do Club Piragüismo Cidade de Lugo, que desenvolverá unha actividade de sensibilización e participación cidadá na Escola de Piragüismo de Lugo, entre as 16:30 e as 18:30 horas. A proposta inclúe un bautismo de auga gratuíto, con 20 prazas, e unha ruta en caiac, tamén con 20 prazas, na que as persoas participantes coñecerán os ecosistemas fluviais, a biodiversidade local e os valores ambientais da Reserva. Ademais, durante o percorrido realizarase unha acción simbólica de limpeza das ribeiras mediante a recollida voluntaria de residuos desde as embarcacións. Para participar cómpre ter máis de 7 anos e saber nadar. A información sobre as inscricións está dispoñible nas redes sociais do club.
A Asociación Galicia Rural celebrará a III Ruta a pé polo río Requeixo, no municipio de Guitiriz, unha actividade coa que os participantes poderán coñecer as actuacións realizadas no marco do proxecto de recuperación da presa da Trabanca e do muíño situado á beira do río, ao seu paso pola parroquia de Roca. A xornada completarase con actividades lúdicas e folclóricas no Centro Cultural de Galicia Rural, tamén en Roca. As persoas interesadas poden inscribirse en info@galiciarural.es.
Revisión de caixas de morcegos e portas abertas nun apiario
A divulgación científica terá o seu espazo coa proposta de Morcegos de Galicia, que organizará unha xornada de revisión de caixas refuxio instaladas en carballeiras antigas da Reserva. O persoal especializado da entidade guiará ás persoas asistentes neste traballo de seguimento e achegaralles información sobre a ecoloxía dos morcegos e a importancia destas especies para os ecosistemas. As persoas interesadas poden consultar os detalles da actividade e formalizar a súa inscrición en info@morcegosdegalicia.com.
Pola súa banda, a Asociación Provincial Lucense de Apicultura de Lugo celebrará uha xornada de portas abertas no Apiario de Teixeiro, en Lugo, para ofrecer demostracións apícolas e actividades divulgativas sobre os polinizadores. A iniciativa pretende sensibilizar sobre a importancia da súa conservación, fundamental para a biodiversidade e o equilibrio dos ecosistemas da Reserva da Biosfera.
Terras do Miño, tamén presente nas ondas de radio
A programación de Terras do Miño completarase cunha actividade da Unión de Radioafeccionados Españoles de Lugo (U.R.E.L.), que realizará unha emisión especial de radio para conmemorar esta xornada. As persoas radioafeccionadas que contacten coa estación da entidade durante ese día recibirán unha tarxeta conmemorativa (QSL).
A iniciativa permitirá dar a coñecer a Reserva da Biosfera Terras do Miño a través das comunicacións por radio, chegando a operadores de diferentes puntos de España e doutros países. Para participar é necesario contar con licenza de radioafeccionado e cun equipo emisor-receptor que transmita na banda dos dous metros. Máis información en www.urelugo.org.
Actividade na Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses
A programación estenderase tamén á Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses, onde a Asociación de Nais e Pais (ANPA) do Centro Público Integrado Plurilingüe (CPI) de Cervantes promoverá unha actividade de educación ambiental coa participación do alumnado do centro e das súas familias.
A proposta consistirá nunha visita ao Hide O Muín, no municipio de Cervantes, para coñecer o espazo e participar na colocación de caixas niño. Trátase dunha acción práctica que permitirá achegar ás novas xeracións a importancia da biodiversidade local e da mellora dos hábitats, ao tempo que fomenta a implicación das familias na conservación da contorna e transmite valores como a sustentabilidade, o coidado do territorio e a aprendizaxe ao longo da vida.