Cultura
Deputación de Lugo

A Asociación Cultural Avelino Díaz lembra ao poeta no 129 aniversario do seu nacemento con actividadades culturais e lúdicas , organizadas co apoio da Vicepersidencia da Deputación

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
AVELINO DÍAZ
As actividades comezarán este sábado coa representación da obra Alma de Grilo, de Ítaca Teatro,   no Centro Sociocultural Avelino Díaz de Riotorto.

A Asociación convida a participar no espectáculo a Verbena Galega D´antes en tempos de Avelino Díaz , que se celebrará o 28 de novembro en Meira

A celebración do aniversario súmase ao traballo que a Asociación , desenvolve para ampliar a investigación e difusión da vida e da obra de Avelino Díaz e  reivindicar un día das Letras Galegas

A Asociación Cultural Avelino Díaz lembrará ao poeta no 129 aniversario do seu nacemento cunha programación de teatro, música e audiovisual que dá continuidade á  labor de divulgación da vida e obra do autor que desenvolven desde hai máis dunha década.

Representantes da Asociación -Susa Gavín, Yoani Jartín, Araceli Pillado e Carlos Veiga- acompañados por Xavi Iglesias de O ´Xeito, pola deputada de Cultura Iria Castro e polo alcalde de Meira Antonio de Dios presentaron este mediodía o programa, que conta co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

As actividades comezarán este sábado - 21 de novembro, ás 16.30 horas  – coa representación da obra Alma de Grilo, de Ítaca Teatro,  que terá lugar no Centro Sociocultural Avelino Díaz de Riotorto.

O programa continuará o sábado seguinte  -28 de novembro – en Meira coa presentación do libro “O segredo do kiwi” de Jozune Bargueiras ás 12.00 horas no Centro e co espectáculo Verbena Galega D´antes en tempos de Avelino, do grupo de música e baile tradicional O´Xeito, a partir das 19.00 horas na praza da vila. Trátase dunha actividade participativa na que a Asociación busca involucrar a toda a veciñanza, facendo un chamamento a asistir caracterizados coa indumentaria propia dunha verbena de antano.

As actividades continuarán o 9 de xaneiro no local da Asociación de Veciñas e Veciños de Órrea coa proxección do documental “A voz do pobo”, que recupera a historia dunha revista publicada nos anos oitenta pola Asociación de Fonmiñá (A Pastoriza) e que se propón como catalizador dun coloquio sobre o asociacionismo e o seu papel na emigración galega a América.

A deputada de Cultura Iria Castro valorou "o traballo que a Asociación Cultural Avelino Díaz desenvolve para recuperar e dar visibilidade á súa obra, con actividades que tratamos de acompañar e apoiar desde á área de Cultura como facemos co tecido asociativo e cultural da provincia" e destacou "a importancia de celebracións para popularizar a súa figura e reforzar o sentimento de comunidade arredor das tradicións e dos referentes culturais propios”.

A Asociación Cultural Avelino Díaz comezou con estas xornadas outonais en lembranza de Avelino Díaz hai cinco anos,  no 125 aniversario do nacemento do poeta, e desde aquela, alternan a celebración entre Riotorto e Meira, os dous concellos en que viviu, con actividades que visibilizan a súa obra  e afondan no coñecemento  da historia local e da emigración galega a América, temáticas presentes na súa literatura. 

A celebración do aniversario do poeta súmase ao traballo que a Asociación, constituída en 2014, desenvolve para ampliar a investigación e difusión da vida e da obra de Avelino Díaz e para reivindicar  un día das Letras Galegas para Avelino Díaz con propostas como o popular Certame de Debuxo e Creación Literaria Avelino Díaz ou a edición do disco Na lírica emoción da Quenlla con poemas musicados de Avelino Díaz.