Nenas e nenos do Colexio Franciscanos de Lugo puideron ser presidentes e presidentas da Deputación por un día
A visita forma parte do programa co que conta a Deputación provincial, destinado a centros educativos de toda a provincia, para dar a coñecer a súa sede principal e os servizos que presta aos concellos e á cidadanía.
Medio cento de alumnos e alumnas de 4º de educación primaria, de entre 9 e 10 anos, do colexio Franciscanos de Lugo asistiron este venres ao Pazo de San Marcos para coñecer as instalacións da sede principal da institución provincial. Recibiunos a presidenta, Carmela López, que compartiu con eles un tempo para explicarlles o funcionamento da institución provincial e achegarlles os servizos que presta aos concellos e á cidadanía.
Esta visita forma parte do programa co que conta a Deputación provincial, destinado a centros educativos de toda a provincia, que poden solicitar este tipo de visitas que teñen por obxectivo amosar ao alumnado,dunha forma didáctica e amena, que é e como funciona a Deputación lucense.
Parques acuáticos, máis polideportivos e bosques, unha solución para a estación de autobuses e máis libros en galego para as bibliotecas
Na súa visita ao salón de plenos da institución provincial, as nenas e os nenos puideron ser presidentas e presidentes por un día e facer propostas, aínda que non sempre contaron coa unanimidade dos seus compañeiros e compañeiras, como a de que haxa clases os sábados. Sen embargo, triunfaron outras, como que Lugo teña parques acuáticos, máis polideportivos e máis bosques, que a antiga estación de autobuses se convirta nunha zona de lecer, ou que nas bibliotecas haxa máis libros en galego. A presidenta e alcaldesa de Burela recibiu con agrado as diferentes propostas plantexadas e contoulles que tamén a ela lle gusta moito a natureza.
As nenas e os nenos amosáronse moi participativos e aínda que viven en Lugo amosaron coñecementos doutros concellos, como As Nogais, Burela, Castroverde, Vilalba e Baralla.
A presidenta entregoulles mapas para que sigan afondando no coñecemento da provincia e nos "six seven concellos". Ademais tamén recibiron un caderno da Deputación na que gran parte delas e deles aproveitaron para anotar aspectos relacionados coa visita e coas propostas que foron xurdindo na sesión.
Charla didáctica sobre a historia do Pazo de San Marcos e sobre o funconamento da Deputación
Previamente ao seu encontro coa presidenta, as nenas e os nenos do colexio Franciscanos descubriron, a través do vídeo que visionaron no salón de actos, que a Deputación ten unha granxa, a de Gayoso Castro. Os técnicos de protocolo aportáronlles datos sobre o Pazo de San Marcos e sobre que funcións desenvolve a institución así como os servizos que presta tanto aos concellos como á cidadanía da provincia.