Axenda Institucional
Deputación de Lugo

María Esther Álvarez Martínez toma posesión como Secretaria Xeral da Deputación

María Esther Álvarez Martínez
Secretaria
nomeamentos
Toma de posesión de María Esther Álvarez Martínez coma secretaria da Deputación de Lugo
Álvarez Martínez é a primeira muller en exercer de Secretaria Xeral da Deputación, un cargo que leva ocupando desde novembro de 2018. Leva 30 anos desempeñando a labor de secretaría en diversos concellos, como Agüimes ou Arteixo

Tomé Roca destacou que “a incorporación de Dona María Esther suporá un avance para a eficiencia da administración pública que permita ofrecer cada vez un mellor servizo á cidadanía, grazas a súa longa e impecable traxectoria de servizo público”

Álvarez Martínez asumiu o seu cargo “con lealdade, responsabilidade e dedicación, como sempre fixen, desde o compromiso co servizo público que guía o meu traballo diario”

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, presidiu a toma de posesión da Secretaria Xeral da Deputación de Lugo, María Esther Álvarez Martínez, un acto que tivo lugar este martes na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos e ao que asistiron deputadas e deputados provinciais, representantes de colexios profesionais, traballadores e traballadoras da institución provincial e familiares da funcionaria.

Tomé Roca destacou que “a incorporación de María Esther Álvarez suporá un avance para a eficiencia da administración pública que permita ofrecer cada vez un mellor servizo á cidadanía, grazas a súa longa e impecable traxectoria de servizo público”. Ademais o Presidente, en nome de toda a Corporación Provincial, desexoulle “sorte e éxito nesta labor, porque ese éxito tamén será o da Deputación e o da provincia”.

Pola súa banda, a Secretaria mostrou o seu agradecemento á Corporación e asumiu o cargo “con lealdade, responsabilidade e dedicación, como sempre fixen, desde o compromiso co servizo público que guía o meu traballo diario”.

Álvarez Martínez, naceu en Palacios de Sil (León) en 1960, licenciouse en Dereito na Universidade de León. Viña exercendo o cargo desde novembro de 2018, cando tomou posesión como Secretaria da Deputación en comisión de servizos, sendo a primeira muller en desempeñar este cargo. Anteriormente ocupou a secretaría no Concello de Arteixo, A Coruña, durante máis de 23 anos. En 1988 superou as probas selectivas que permiten o acceso ás subescalas de secretaría de entrada e secretaría-intervención, sendo o seu primeiro destino o Concello de Agüimes, na provincia de Las Palmas.

A Secretaría é un dos postos de maior responsabilidade na administración local xunto con Intervención, o órgano de control económico, é chave para o funcionamento cotián da Deputación. A Secretaria dá o asesoramento legal sobre procedementos administrativos e o exercicio da fe pública na institución provincial, é a encargada de convocar os Plenos e Xuntas de Goberno, de elaborar a orde do día destas sesións, así como de dar conta e custodiar os acordos acadados. Entre outras funcións, debe informar de todas as actuacións levadas a cabo pola institución, así como dos decretos, convenios, protocolos ou estudos aprobados pola Presidencia e distintas áreas de xestión.

Toma de posesión de María Esther Álvarez Martínez coma secretaria da Deputación de Lugo