Deputación de Lugo

Loito oficial na Deputación polo naufraxio do pesqueiro de Marín con bandeiras a media hasta e crespóns negros

A institución provincial sumouse ao minuto de silencio que se gardou ás 11.00 horas desta mañá diante da Casa do Concello de Lugo en lembranza das vítimas

Loito oficial na Deputación de Lugo polo tráxico naufraxio do pesqueiro galego Villa de Pitanxo en Terranova, nas costas do Canadá. As bandeiras da institución provincial ondearán a media hasta e con crespóns negros nos vindeiros tres días en sinal de loito, solidariedade e afecto cos familiares, achegados das vítimas e toda a vila de Marín. 

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, trasladou en nome propio e no da Corporación provincial “o máis fondo e sentido pesar” polo fatídico suceso e fixo chegar o pésame da provincia ao Concello de Marín e á armadora do buque galego. “Lugo é unha provincia mariñeira, por iso a dor de Marín é a nosa dor”, afirmou.

“A tripulación do Villa de Pitanxo, un centro de traballo multicultural, é un exemplo de boa convivencia, de profesionalidade e de entrega ó traballo. Prestar apoio ás familias e seguir traballando, polo futuro e pola integración, paréceme o mellor xeito de render homenaxe á súa memoria”, asegurou o Presidente.

Ademais, o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou xunto a outras autoridades e veciños da provincia nun minuto de silencio en lembranza das vítimas que tivo lugar ás 11.00 horas desta mañá diante da Casa do Concello de Lugo.

Bandeiras a media hasta