Deputación de Lugo

O Presidente defende un rural vivo e con futuro no Congreso de Unións Agrarias en Santiago

JOSE TOMÉ
CONGRESO
Unións Agrarias
José Tomé Roca participou este venres na clausura da cita congresual onde saíu reelixido Roberto García como Secretario Xeral da Organización e recoñeceu o traballo da organización “a favor dos intereses sector agrogandeiro”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este venres no acto de clausura do 12º Congreso de Unións Agrarias, celebrado en Santiago de Compostela, onde trasladou o seu firme compromiso co sector primario galego e coa defensa do rural como eixo estratéxico para o futuro da provincia e de Galicia.

Durante a súa intervención, José Tomé felicitou a Roberto García pola súa reelección como Secretario Xeral da organización e recoñeceu “o traballo constante e imprescindible de Unións Agrarias a favor dos intereses dos agricultores e gandeiros galegos”.“O futuro da provincia da provinciade  Lugo, o futuro de Galicia, non se pode construír de costas ó sector agrogandeiro”, afirmou, ao tempo que destacou que a forza do rural é clave para fixar poboación, xerar emprego de calidade e manter vivos os servizos públicos no territorio.

Ademais, reivindicou políticas públicas que aposten pola modernización das explotacións, o relevo xeracional e o apoio efectivo ante crises como desastres naturais, pragas ou ataques de fauna salvaxe. 

Tomé puxo tamén en valor o papel do agro como motor de innovación e desenvolvemento, citando exemplos como a agricultura ecolóxica, as denominacións de orixe, o enoturismo e a colaboración entre o sector e o ámbito científico, como ocorre na granxa Gayoso Castro ou no Campus Terra da USC en Lugo.