O Presidente defende un rural vivo e con futuro no Congreso de Unións Agrarias en Santiago

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este venres no acto de clausura do 12º Congreso de Unións Agrarias, celebrado en Santiago de Compostela, onde trasladou o seu firme compromiso co sector primario galego e coa defensa do rural como eixo estratéxico para o futuro da provincia e de Galicia.
Durante a súa intervención, José Tomé felicitou a Roberto García pola súa reelección como Secretario Xeral da organización e recoñeceu “o traballo constante e imprescindible de Unións Agrarias a favor dos intereses dos agricultores e gandeiros galegos”.“O futuro da provincia da provinciade Lugo, o futuro de Galicia, non se pode construír de costas ó sector agrogandeiro”, afirmou, ao tempo que destacou que a forza do rural é clave para fixar poboación, xerar emprego de calidade e manter vivos os servizos públicos no territorio.
Ademais, reivindicou políticas públicas que aposten pola modernización das explotacións, o relevo xeracional e o apoio efectivo ante crises como desastres naturais, pragas ou ataques de fauna salvaxe.
Tomé puxo tamén en valor o papel do agro como motor de innovación e desenvolvemento, citando exemplos como a agricultura ecolóxica, as denominacións de orixe, o enoturismo e a colaboración entre o sector e o ámbito científico, como ocorre na granxa Gayoso Castro ou no Campus Terra da USC en Lugo.