A Deputación organiza en maio 16 rutas gratuítas polo patrimonio románico da provincia con 400 prazas
As inscricións nas rutas, que terán lugar os días 7, 8, 9, 14 e 15 de maio, poderán facerse na web http://inscricions.deputacionlugo.org dende mañá xoves ata dous días antes das actividades ou ata completar aforo
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto á Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, presentou na contorna da igrexa de Santa María de Toboada dos Freires, no concello taboadés, a segunda edición do programa de actividades gratuítas que a institución provincial porá en marcha con motivo do Día da Transrománica, que se celebra o 9 de maio.
Tras a boa acollida do pasado ano, a institución decidiu reeditar a iniciativa ampliando a programación de actividades, que nesta ocasión inclúe 16 rutas polo patrimonio románico da provincia durante cinco xornadas: os días 7, 8, 9, 14 e 15 de maio. Cada itinerario conta cun máximo de 25 prazas, polo que no conxunto do programa ofértanse un total de 400 prazas, catro veces máis que a edición pasada. Todas as actividades estarán dirixidas por un guía oficial de turismo.
O Presidente subliñou que o ano pasado, “en apenas cinco días esgotáronse as 112 prazas ofertadas e moitas das de reserva”, polo que “decidimos reeditar e ampliar esta iniciativa, que forma parte das actividades que poñemos en marcha dende a Deputación de Lugo tras conseguir no ano 2020 o ingreso na Rede Transrománica, recoñecida oficialmente co selo de Itinerario Cultural do Consello de Europa, o que situou ao románico lucense no nivel máis alto de recoñecemento europeo”.
As rutas gratuítas polo románico reforzan o traballo “que estamos desenvolvendo na Deputación para difundir e poñer en valor o rico e diverso patrimonio da nosa provincia e, deste xeito, apoiar a actividade do sector turístico, hostaleiro e do comercio, e, ao mesmo tempo, avanzar cara un modelo de turismo de calidade e sostible, con capacidade para atraer visitantes durante todo o ano, e e xerar actividade económica e emprego, sobre todo no rural”, explicou José Tomé.
As inscricións poderán facerse na web http://inscricions.deputacionlugo.org dende mañá xoves, 28 de abril, ata dous días antes das actividades ou ata completar aforo. Para máis información, as persoas interesadas poden chamar aos teléfonos 982.260.011 e 982.260.234, ou dirixirse ao correo electrónico romanico@deputacionlugo.org
A programación organizada este ano pola Deputación con motivo do Día da Transrománica é a seguinte:
Sábado, 7 de maio
- 10.30 horas. O románico nas Terras da Ulloa
- 11.00 horas. Románico do Lugo rural e Guntín
- 16.30 horas. O románico de Chantada
- 16.30 horas. O románico nas Terras da Ulloa: Palas de Rei e Monterroso
Domingo, 8 de maio
- 10.30 horas. Taboada: O románico menos coñecido
- 10.30 horas. Pantón: A Ruta do Monacato Feminino
- 16.30 horas. O Saviñao: Románico con vistas ao Miño
Luns, 9 de maio
- 11.30 horas. A Catedral de Lugo e a Cidade Medieval
Sábado, 14 de maio
- 10.30 horas. O románico en Sober
- 10.30 horas. Monforte na historia
- 16.30 horas. O románico no Xeoparque das Montañas do Courel
- 16.30 horas. Santa María de Meira
Domingo, 15 de maio
- 10.30 horas. O Románico na contorna do Miño e o Camiño de Santiago: Portomarín e Paradela
- 10.30 horas. San Martiño de Mondoñedo
- 16.30 horas. O Románico no Camiño Francés
- 17.00 horas. Santa María do Campo e Viveiro histórico
Promoción europea
A Ruta Transrománica na que ingresou a Deputación de Lugo está recoñecida oficialmente co selo de Itinerario Cultural do Consello de Europa e trátase dunha das principais rutas culturais paneuropeas. Está integrada por rexións de 9 países da Unión Europea -Austria, Alemaña, Francia, Italia, Romanía, Portugal, Serbia, Eslovaquia e España- e aglutina un conxunto de monumentos románicos, moitos deles declarados Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.
A provincia de Lugo é o terceiro lugar de toda España que forma parte desta entidade, despois de Castela e León, co mosteiro de Santo Domingo de Silos, e a cidade de Zamora, e conta na súa ruta con 10 igrexas de arte románico situadas noutros tantos concellos da Ribeira Sacra: o mosteiro do Divino Salvador, en Ferreira de Pantón; a igrexa de San Xoán da Cova, en Carballedo; a igrexa de Santa María de Nogueira de Miño, en Chantada; a igrexa de San Pedro de Ribas Altas, en Monforte de Lemos; a igrexa de San Facundo de Ribas de Miño, en Paradela; a igrexa de San Nicolás ou San Xoán, en Portomarín; a igrexa de Santa María de Torbeo, en Ribas de Sil; a igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño, no Saviñao; a igrexa de Santa María de Proendos, en Sober; e a igrexa de Santa María de Taboada dos Freires, en Taboada.