A Deputación opta a fondos europeos para participar nun proxecto sobre xestión de bosques en risco de abandono
![](/sites/deputacionlugo.org/files/2022-09/300922%20Rolda%20de%20Prensa%20da%20Xunta%20de%20Goberno%20-%20Pablo%20Rivera%20Cap%C3%B3n.jpg)
“Estamos moi interesados en que esta candidatura sexa unha realidade porque na nosa provincia contamos coa terceira parte da superficie forestal de Galicia, polo que o 68% do noso territorio ten usos forestais, e deles, a metade son superficie arborada”, explicou o Deputado de Promoción Económica e Social
A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres concorrer aos fondos europeos do programa Medio Ambiente e Acción polo Clima da Comisión Europea a través da súa participación nunha candidatura conxunta con outras entidades galegas para desenvolver o proxecto LIFE Forest Mirror, que ten como obxectivo a planificación e xestión de bosques en risco de abandono, e, desta forma, contribuír á prevención de lumes forestais e reducir os niveis de contaminación.
Así o explicou o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, quen informou de que a Xunta de Goberno deste venres aprobou a adhesión da institución provincial a esta candidatura, a través da que as entidades participantes solicitan un investimento dun total de 4M€.
Pablo Rivera subliñou que dende a Deputación de Lugo “estamos moi interesados en que este proxecto sexa aceptado porque na nosa provincia contamos coa terceira parte da superficie forestal de Galicia. É dicir, o 68% do noso territorio ten usos forestais, e deles, a metade son superficie arborada. Vivimos nun pulmón verde que está gravemente ameazado polos incendios e debemos poñer todo o que estea na nosa man para avanzar na ordenación do territorio, na xestión do monte, e, polo tanto, na prevención”. Esta iniciativa responde, tal e como subliñou o Deputado, “ao compromiso que temos dende o Goberno co desenvolvemento social e económico do noso rural dunha maneira sostible para xerar riqueza e fixar poboación”.
Nesta candidatura participan diferentes organismos galegos, como as universidades de Santiago e Vigo, o sindicato Unións Agrarias, e as outras tres deputacións galegas, entre outras.
O Deputado indicou que, “unha vez presentemos a candidatura conxunta, será cando a Comisión Europea avalíe a viabilidade da proposta e decida se a aproba ou non. No caso de que se lle dea luz verde, o inicio deste interesante proxecto será en setembro de 2023, e terá unha duración de 60 meses”.
Lembrou que a Deputación de Lugo ten unha importante experiencia en proxectos europeos das convocatorias LIFE. Algún exemplo é o LIFE Parga-Ladra-Támoga, do que derivou o recoñecemento de Terras do Miño como Reserva da Biosfera; ou os programas LIFE In Common Land, que se desenvolve na Serra do Xistral, e LIFE Lugo+Biodinámico, liderado polo Concello de Lugo para favorecer o desenvolvemento urbano sostible e o impulso do sector forestal.
Lugo Termal
Por outra banda, a Xunta de Goberno, tras aprobar a semana pasada as bases dunha nova convocatoria do programa Lugo Termal, hoxe acordou a licitación das prazas, por un importe de case 72.000€ nos tres balnearios da provincia -o Balneario e Termas de Lugo, o Hotel Balneario Río Pambre de Palas de Rei e o Hotel Balneario de Augas Santas de Pantón-, que son os establecementos nos que, como nas anteriores edicións, a Deputación ofrecerá descontos a través desta iniciativa.
A Deputación, a través deste programa, ofrece descontos a veciños e veciñas da provincia maiores de 50 anos e aos seus acompañantes para facilitar o acceso aos establecementos termais da provincia e a recibir terapias mineromedicinais. “Temos un dobre obxectivo: favorecer o benestar social dos veciños e, ao mesmo tempo, dinamizar a economía a través do impulso do termalismo, no que a nosa provincia é unha potencia”, explicou o Deputado.
A Deputación de Lugo informará puntualmente no seu momento para que as persoas interesadas poidan facer a reserva do seu bono.
Servizos
A Xunta de Goberno tamén avanzou na contratación de diferentes servizos e subministracións para a xestión do día a día da institución provincial. Por unha banda, aprobou a licitación do servizo de seguridade e vixilancia dos edificios e dependencias da Deputación de Lugo por un importe de 3M€ para dous anos. Haberá opción de realizar dúas prórrogas, sempre que a duración total do contrato non supere os catro anos.
Tamén quedou aprobada a adxudicación do contrato de subministro de gasóleo C para a calefacción dos edificios da institución á empresa Gasóleos Fortaleza S.L. por un importe de preto 118.500€. O prazo é por un ano, con opción a realizar unha prórroga dun ano máis.
Así mesmo, quedou adxudicada a subministración de material eléctrico para o servizo de mantemento da Deputación á empresa Sonepar Ibérica Spain S.A.U., por un importe de 31.700€ e por un ano, prorrogable por outro. O contrato recolle a aplicación de descontos do 47% sobre os prezos unitarios.