Deputación de Lugo
Innovación e TIC
Medio ambiente

A Deputación opta a fondos europeos para participar nun proxecto sobre xestión de bosques en risco de abandono

LIFE
Xunta de Goberno
A Xunta de Goberno aprobou a adhesión da institución provincial á candidatura LIFE Forest Mirror, da que forman parte as universidades de Santiago e Vigo, e as outras tres deputacións galegas, entre outras entidades, para captar recursos do programa de Medio Ambiente e Acción polo Clima da Comisión Europea

“Estamos moi interesados en que esta candidatura sexa unha realidade porque na nosa provincia contamos coa terceira parte da superficie forestal de Galicia, polo que o 68% do noso territorio ten usos forestais, e deles, a metade son superficie arborada”, explicou o Deputado de Promoción Económica e Social

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres concorrer aos fondos europeos do programa Medio Ambiente e Acción polo Clima da Comisión Europea a través da súa participación nunha candidatura conxunta con outras entidades galegas para desenvolver o proxecto LIFE Forest Mirror, que ten como obxectivo a planificación e xestión de bosques en risco de abandono, e, desta forma, contribuír á prevención de lumes forestais e reducir os niveis de contaminación.

Así o explicou o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, quen informou de que a Xunta de Goberno deste venres aprobou a adhesión da institución provincial a esta candidatura, a través da que as entidades participantes solicitan un investimento dun total de 4M€.

Pablo Rivera subliñou que dende a Deputación de Lugo “estamos moi interesados en que este proxecto sexa aceptado porque na nosa provincia contamos coa terceira parte da superficie forestal de Galicia. É dicir, o 68% do noso territorio ten usos forestais, e deles, a metade son superficie arborada. Vivimos nun pulmón verde que está gravemente ameazado polos incendios e debemos poñer todo o que estea na nosa man para avanzar na ordenación do territorio, na xestión do monte, e, polo tanto, na prevención”. Esta iniciativa responde, tal e como subliñou o Deputado, “ao compromiso que temos dende o Goberno co desenvolvemento social e económico do noso rural dunha maneira sostible para xerar riqueza e fixar poboación”.
 
Nesta candidatura participan diferentes organismos galegos, como as universidades de Santiago e Vigo, o sindicato Unións Agrarias, e as outras tres deputacións galegas, entre outras.

O Deputado indicou que, “unha vez presentemos a candidatura conxunta, será cando a Comisión Europea avalíe a viabilidade da proposta e decida se a aproba ou non. No caso de que se lle dea luz verde, o inicio deste interesante proxecto será en setembro de 2023, e terá unha duración de 60 meses”. 

Lembrou que a Deputación de Lugo ten unha importante experiencia en proxectos europeos das convocatorias LIFE. Algún exemplo é o LIFE Parga-Ladra-Támoga,  do que derivou o recoñecemento de Terras do Miño como Reserva da Biosfera; ou os programas LIFE In Common Land, que se desenvolve na Serra do Xistral, e LIFE Lugo+Biodinámico, liderado polo Concello de Lugo para favorecer o desenvolvemento urbano sostible e o impulso do sector forestal. 

Lugo Termal
Por outra banda, a Xunta de Goberno, tras aprobar a semana pasada as bases dunha nova convocatoria do programa Lugo Termal, hoxe acordou a licitación das prazas, por un importe de case 72.000€ nos tres balnearios da provincia -o Balneario e Termas de Lugo, o Hotel Balneario Río Pambre de Palas de Rei e o Hotel Balneario de Augas Santas de Pantón-, que son os establecementos nos que, como nas anteriores edicións, a Deputación ofrecerá descontos a través desta iniciativa.

A Deputación, a través deste programa, ofrece descontos a veciños e veciñas da provincia maiores de 50 anos e aos seus acompañantes para facilitar o acceso aos establecementos termais da provincia e a recibir terapias mineromedicinais. “Temos un dobre obxectivo: favorecer o benestar social dos veciños e, ao mesmo tempo, dinamizar a economía a través do impulso do termalismo, no que a nosa provincia é unha potencia”, explicou o Deputado.

A Deputación de Lugo informará puntualmente no seu momento para que as persoas interesadas poidan facer a reserva do seu bono.

Servizos
A Xunta de Goberno tamén avanzou na contratación de diferentes servizos e subministracións para a xestión do día a día da institución provincial. Por unha banda, aprobou a licitación do servizo de seguridade e vixilancia dos edificios e dependencias da Deputación de Lugo por un importe de 3M€ para dous anos. Haberá opción de realizar dúas prórrogas, sempre que a duración total do contrato non supere os catro anos. 

Tamén quedou aprobada a adxudicación do contrato de subministro de gasóleo C para a calefacción dos edificios da institución á empresa Gasóleos Fortaleza S.L. por un importe de preto 118.500€. O prazo é por un ano, con opción a realizar unha prórroga dun ano máis. 

Así mesmo, quedou adxudicada a subministración de material eléctrico para o servizo de mantemento da Deputación á empresa Sonepar Ibérica Spain S.A.U., por un importe de 31.700€ e por un ano, prorrogable por outro. O contrato recolle a aplicación de descontos do 47% sobre os prezos unitarios.