Deputación de Lugo
Economía
Turismo

O Xeoparque do Courel será sede do XXII Simposio sobre a Ensinanza da Xeoloxía grazas á Deputación

Xeoparque
Montañas do Courel
simposio
xeoloxia
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo presentou este venresen San Marcos o encontro que reunirá en Quiroga, do 8 ao 13 de xullo, a 175 profesores de toda España

Pilar García Porto subliñou q ue a decisión de celebrar na Montaña “este encontro de gran relevancia” confirma, “a riqueza xeolóxica, cultural e paisaxística que ten a nosa provincia”

A institución colabora co Xeodestino Montañas do Courel na loxística da cita para que os participantes “poidan aloxarse na contorna e desprazarse ata Quiroga cada día para asistir ás reunións e actividades que se desenvolvan no marco deste simposio”

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e o Presidente do Xeoparque Mundial Montañas do Courel,Roberto Castro González, presentaron este venres no Pazo de San Marcos a vixésimo segunda edición do Simposio sobre a Ensinanza da Xeoloxía,organizado polaAsociación Española para a Ensinanza das Ciencias da Terra(AEPCT) nas Montañas do Courel grazas á Deputación de Lugo. 

Pilar García Porto avanzou no acto de presentación que o simposio reunirá a 175 profesores procedentes de toda España, marcando un fito histórico xa que a colaboración da institución provincial co Xeoparque Montañas do Courel, ao que achega 20.000 euros, fará posibleque “este evento de gran relevancia” poida celebrarse por primeira vez nun entorno rural. Sinalou que grazas á contribución da Deputación poderase levar a cabo a complexa loxística que supón a organización desta cita, destacando que “os participantes poderán aloxarse na contorna e desprazarse ata Quiroga cada día para asistir ás reunións e actividades que se desenvolvan no marco deste simposio”.

Durante o evento, que se realizará no Auditorio Municipal de Quiroga, os participantes desfrutarán de conferencias, mesas redondas, talleres e visitas ao Xeoparque, explorando temas de grande relevancia científica e didáctica. García Porto destacou que a celebración deste encontro nas Montañas do Courel enriquecerá esta cita, porque segundo apuntou,“a Serra do Courel presenta unha gran variedade litolóxica, que abarca a historia xeolóxica da comarca, porque é unha zona rica en estruturas tectónicas, como fallas. É un lugar significativo para a paleontoloxía, un territorio rico en minerais, e en paisaxes kársticas”.Engadiu ademais a Deputada que “a Serra do Courel forma parte da Rede Natura 2000, unha das áreas de conservación da natureza da Unión Europea”. 

Lembrou Pilar García Porto que esta colaboración responde o forte compromiso que a Deputación de Lugo mantén coa posta en valor e a promoción deste territorio, “fomos a principal administración galega que traballou xunto cos concello de Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil, para conseguir a declaración do Xeoparque Mundial Montañas do Courel, o primeiro recoñecido en Galicia, no ano 2019”.
Pola súa banda, o Presidente do Xeoparque Mundial Montañas do Courel agradeceu a colaboración da Deputación, pois “fai posible que este evento de referencia nacional chegue a este territorio”. Algo que servirá, “para promocionar o Xeoparque Mundial Montañas do Courel, do que forman parten os concellos de Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel, que contan cunha xeoloxía singular, e un medio natural e social de enorme interese" subliñou Roberto Castro.  


Conferencias, mesas redondas, talleres e visitas

O XXII Simposio sobre a Ensinanza da Xeoloxía desenvolverá, desde o vindeiro luns, día 8 de xullo ata o sábado 13 de xullo, un amplo programa de actividades con conferencias, mesas redondas, talleres, así como actividades culturais e lúdicas e saídas de campo ao Xeoparque das Montañas do Courel. O encontro, no que participarán especialistas sobre temas de interese científico e didáctico, busca ser un período de encontro aberto a todas aquelas persoas que comparten intereses e inquedanzas en torno á ensinanza e divulgación da xeoloxía e das ciencias da Terra.