Deputación de Lugo

Pablo Rivera destaca a importancia de levar ás aulas da Universidade o labor das Forzas e Corpos de Seguridade

UNED
O Deputado de Promoción Económica e Social participou na xornada sobre seguridade pública organizada pola UNED de Lugo que contou coa conferencia do xefe superior da policía de Galicia

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este xoves na xornada Novos desafíos en materia de seguridade pública, organizado pola UNED de Lugo, que se celebrou no Salón de Actos do Centro Asociado da universidade da capital lucense. O xefe superior da Policía de Galicia, Ramón Gómez Nieto, foi o encargado de abrir este encontro, cunha conferencia sobre A importancia da colaboración internacional policial na resolución de conflitos.  

Rivera Capón destacou a idoneidade de levar ás aulas da Universidade o traballo das Forzas e Corpos de Seguridade, pois “achega ese traballo á sociedade e permite establecer un contacto fluído que axude a conseguir eses obxectivos que todos desexamos dunha sociedade máis segura, cunha mellor convivencia”.

O Deputado recoñeceu o traballo das Forzas de Seguridade, unha peza “fundamental en democracia, como garantes do cumprimento das leis e do respecto ás normas de convivencia”, e “o proceso de modernización permanente de corpos como a Policía, non só polo que respecta ós medios, senón á incorporación de novas tecnoloxías que faciliten as investigacións”. 

Así mesmo, o representante provincial reafirmou o compromiso permanente da Policía coa sociedade e, ao mesmo tempo, a constante “colaboración da Deputación de Lugo coas institucións, co tecido asociativo e produtivo, e tamén cos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, lembrando que esta mesma semana, o Presidente da institución fixo entrega duns desfibriladores ás comisarías de Lugo, Monforte e Viveiro “para mellorar a seguridade e a protección da cidadanía, porque, por suposto, a Policía tamén está implicada na loita contra as doenzas cardíacas, nas que a intervención rápida é fundamental para salvar vidas”.

No acto tamén participaron a Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez López, e a directora do Centro Asociado á UNED en Lugo, Ana Belén Traseira.