Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación lanza dúas novas publicacións para promocionar o románico da provincia como reclamo turístico

Ruta Transrománica
A Xunta de Goberno aprobou licitar o subministro dunha guía centrada na Ulloa e outra sobre Os Ancares, o Courel e Sarria, no marco da estratexia da institución para seguir consolidando un modelo de turismo sostible que xere riqueza e emprego

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a licitación do contrato para a edición de dúas novas publicacións sobre o románico da provincia, centradas na Ulloa e na zona dos Ancares, O Courel e Sarria, para a promoción do patrimonio deste estilo arquitectónico como reclamo turístico. Así o anunciou esta mañá a voceira socialista do Goberno provincial, Pilar García Porto, na rolda de prensa posterior a reunión semanal do Executivo.

Trátase do subministro de 1.000 exemplares de cada unha das guías, así como un total de 2.000 trípticos complementarios a través dun contrato que sae a licitación por un importe de 35.000€. Miguel Mendoza é o autor das obras, ilustradas con fotos de Pepe Tejero e Roberto Díaz, e editaranse en galego, castelán e inglés. 

Lembrou que estas novas publicacións dan continuidade á que xa lanzou a Deputación hai un ano sobre o románico da Ribeira Sacra, “cunha excepcional acollida”.

“Co proxecto destas guías queremos dar a coñecer e poñer en valor un patrimonio que é unha sinal de identidade e un poderoso reclamo turístico, ao redor do que seguir consolidando unha oferta de calidade, sostible, non masificada e de experiencias”, explicou García Porto. Neste sentido, destacou a importancia do románico na provincia de Lugo, “un dos un dos máis importantes de España e de Europa, como demostra que Lugo forma parte da Ruta Transrománica do Consello de Europa grazas á iniciativa da Deputación”.

Para completar esta colección unicamente restaría o último tomo, que se corresponde ás comarcas de Lugo, Terra Chá e A Mariña, e que está previsto realizar no ano 2023.