Deputación de Lugo

O Presidente presenta Lugo, cita con dous séculos, de Pepe Álvez, como “imprescindible para coñecer a nosa historia”

A Deputación e a Asociación da Prensa de Lugo colaboraron para lanzar unha reedición ampliada do libro, presentada hoxe no Pazo de San Marcos nun acto no que participou José Tomé Roca, os propios autores –José María Álvez e Adolfo de Abel Vilela-, a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a presidenta do colectivo xornalístico, Carmen Uz

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou na presentación da reedición ampliada do libro Lugo, cita con dous séculos (1886-1926), obra do fotógrafo José María Álvez en colaboración co historiador Adolfo de Abel Vilela. Un acto celebrado este venres no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, no que xunto aos autores, tamén participaron a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a presidenta da Asociación da Prensa de Lugo, Carmen Uz. 

A institución provincial asumiu a reedición desta obra, publicada por primeira vez no ano 1983, a iniciativa da Asociación da Prensa de Lugo. Este libro, destacou o Presidente, “é imprescindible para o coñecemento da nosa historia”, e “representa un canto de amor continuado cara Lugo e as súas xentes, un sentimento de afecto que estivo tamén presente durante todo o proceso para reeditalo”, explicou o mandatario provincial. A versión está ampliada e inclúe novas imaxes da cidade de Lugo e tamén do resto da provincia. 

“Estas fotografías repasan as vivencias dos lucenses que coñeceron o final do século XIX e os anos de progreso de inicios do século XX, logo truncados pola Guerra Civil. Son imaxes que mostran un Lugo en proceso de modernización, ocupado en manterse integrado nas principais correntes da época”, sinalou o Presidente. 

José Tomé destacou a traxectoria de Pepe Álvez, que o converteu na “persoa idónea” para “organizar e levar á imprenta o legado gráfico de Salvador Castro Freire, aquel ilustrado boticario preocupado por recoller o arquivo visual da nosa historia. Penso que foi tamén moi audaz cando recorreu a Adolfo de Aber Vilela” para ilustrar as imaxes. “Os seus textos”, asegurou, “rigorosos no dato, pero sempre amenos no estilo, danlle contexto ás imaxes e revelan o seu pleno sentido ás xeracións posteriores”.

Lugo, cita con dous séculos inclúe imaxes aéreas da cidade de Lugo, feitas cando a aviación botaba a andar; recóllese o desexo de modernizar e actualizar servizos públicos e infraestruturas, como mercados e hospitais; dáse testemuña do impacto no tecido urbano da chegada do ferrocarril á cidade; e vese aos antepasados vestindo á moda nas festas, ou preocupados por modernizar as instalacións do Círculo das Artes.

O Presidente destacou a vontade da Deputación de colaborar sempre “para sacar adiante iniciativas que nos enriquezan como sociedade”, como é o caso desta publicación. Aludindo ao libro de contos que Ánxel Fole, autor do limiar desta obra, publicou en 1981 titulado Historias que ninguén cre, o Presidente subliñou a importancia de lembrar e poñer en valor o pasado para conquistar o futuro: “Cando esquecemos o noso pasado, cando non temos conciencia real do que fomos, deixamos de crer en nós mesmos, e esa falta de confianza é un freo para o noso futuro”.