Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

Entran a vivir os primeiros residentes do Centro de Atención de Maiores da Deputación en Navia de Suarna

Residencias
Hoxe farano seis usuarios e usuarias, mañá outros catro, e nas vindeiras semanas irán ingresando de forma paulatina o resto de persoas que vivirán no centro

As instalacións estiveron abertas estes días para que os residentes puideran achegar as súas pertenzas, familiarizarse co centro e coñecer ao persoal

Esta da Montaña é a quinta residencia que a institución abre no que vai de mandato, e a oitava da rede provincial que está despregando

O Centro de Atención a Maiores da Deputación de Lugo en Navia de Suarna recibe este mércores aos seis primeiros usuarios e usuarias que entran a vivir neste novo centro provincial. Maña farano outros catro, e nas vindeiras semanas irán ingresando de forma paulatina o resto de persoas que vivirán no centro ata completar as prazas, en función das circunstancias de cada un dos usuarios.

Dende o día da inauguración da residencia, celebrada o 4 de novembro, realizouse o proceso de preingreso, durante o que os residentes coñeceron as instalacións e tomaron contacto co persoal como paso previo a quedarse a residir. Entre os novos inquilinos que entran hoxe a vivir no CAM de Navia de Suarna está Enrique Monasterio, un xastre moi querido e coñecido entre os naviegos e naviegas. 

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, destacou na apertura da residencia, xunto ao Alcalde de Navia de Suarna, José Fernández Fernández, que esta dotación social “prestará un servizo  moi necesario no rural da nosa provincia, máis se cabe na comarca da Montaña”, e que cambiará a vida deste concello “a nivel social e económico”. Abrindo esta residencia, destacou, “cumprimos en tempo e forma co Concello cos seus veciños e veciñas”.

Este novo centro conta con 30 prazas de residencia e crea 25 postos de traballo directos, aos que se suman os emprego indirectos, ademais de xerar actividade económica, porque os produtos e servizos que necesite a residencia serán de produtores e de negocios da zona.

A residencia está situada nunha parcela de 452 metros cadrados distribuídos en tres andares e un semisoto con sala de caldeiras, almacén, lavandería, aseos, vestiarios, cociña e comedor. Na planta baixa está situado o vestíbulo, oficinas, aseos, ximnasio, consulta médica, enfermería, sala polivalente e sala de usos múltiples. Na primeira e na segunda planta están as habitacións.

A institución provincial investiu 2M€ á construción, equipamento e posta en marcha do CAM de Navia de Suarna, que se completou coa aportación duns 300.000€ por parte do Concello. 

Ampla rede provincial de residencias 

O modelo asistencial que a Deputación ten implantado nos seus centros de maiores en cooperación cos concellos é 100% público e garante a calidade na atención, favorece o arraigo, e crea emprego e actividade económica no rural a través da economía circular.  

Ao igual que no resto de centros da rede provincial da Deputación, na residencia de Navia teñen prioridade de acceso ás prazas aos veciños do municipio, despois os dos concellos limítrofes e da comarca, e as restantes ábrense para lucenses de toda a provincia. Os usuarios e usuarias pagan en función da súa capacidade económica.

A de Navia de Suarna é a quinta residencia que a Deputación abre no que vai de mandato, e a oitava da rede provincial, pois súmase ás de Pol, Trabada, Ribadeo, A Fonsagrada, Castroverde, Pedrafita do Cebreiro e Meira. Antes de finalizar o ano, a institución ten previsto inaugurar a de Ribas de Sil. Así mesmo, traballa para sacar adiante outros 9 proxectos: na Pontenova, Portomarín, Guitiriz, Becerreá, A Pobra do Brollón, Ourol, Cervantes, Folgoso do Courel e Ferreira de Pantón.