Deputación de Lugo
Turismo

O Presidente da Deputación de Lugo comparte cos seus homólogos de Huesca e Xirona estratexias para impulsar o turismo e mellorar a mobilidade

turismo
José Tomé Roca recibiu aos mandatarios provinciais oscense e xerundés, Miguel Gracia Ferrer e Miquel Noguer, nun encontro para reforzar lazos entre as tres provincias e establecer follas de ruta comúns

Os presidentes das deputacións coinciden na necesidade de avanzar cara un sistema de financiamento que garanta a suficiencia e a autonomía das administracións locais, e na capacidade das institucións provinciais para participar na xestión dos fondos europeos

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, ofreceu este xoves aos seus homólogos de Huesca, Miguel Gracia Ferrer, e de Xirona, Miquel Noguer i Planas, unha recepción institucional para reforzar os lazos de veciñanza entre as tres provincias e compartir os retos e oportunidades que lles son comúns.

José Tomé subliñou que os tres traballan en conxunto na Comisión de Deputacións da Federación Española de Municipios e Provincias e que comparten obxectivos e formas de actuar. Puxo de manifesto que teñen en común preocupacións como o medio ambiente e o apoio ao rural, xunto coa “reivindicación do municipalismo, da necesidade e da plena utilidade das deputacións provinciais para a prosperidade dos nosos territorios”.

Ademais, detallou que as deputacións de Lugo, Xirona e Huesca “estamos fomentando estratexias que incrementen as axudas europeas á mobilidade co obxectivo de mellorar o desenvolvemento e a competitividade das contornas rurais”. Tomé Roca incidiu en que o rural “non ten futuro sen servizos públicos como a sanidade, educación ou dependencia, pero tampouco sen infraestruturas de comunicación axeitadas. Por iso, entendemos que debemos traballar para ampliar a participación das administracións locais no reparto de fondos europeos”. Nese sentido, subliñou que “Bruxelas debe garantir máis achegas directas a unha administración local que funciona con eficacia e con transparencia e que non necesita intermediarios ou tutelas para desenvolver proxectos nas súas áreas de competencia”. 

“Con esta visita damos un paso máis na nosa estreita relación de colaboración, para afrontar retos comúns e buscar solucións compartidas. Xuntos traballamos mellor e avanzamos máis, ese é o verdadeiro sentido da visita”, avanzou.  “Na Deputación de Lugo seguiremos en colaboración con outras institucións para impulsar plans de desenvolvemento e iniciativas para mellorar, en colaboración cos concellos, os servizos que prestamos aos nosos veciños e veciñas, que é a nosa obriga e a nosa razón de ser”, dixo. 


Fondos europeos

Nas súas palabras fixo fincapé o mandatario provincial de Lugo en que “o papel das Deputacións é fundamental para coordinar a recepción de fondos e para desenvolver obras nas respectivas redes de estradas provinciais. Obras que os concellos non poden asumir por separado, pero que, obviamente, deben desenvolverse tendo en conta as súas necesidades e suxerencias, fomentando ese papel que tantas veces cito como ‘Concello dos Concellos’”, mencionou. 


Turismo

En materia turística, afirmou Tomé Roca, “as tres compartimos tamén o convencemento de que o turismo é unha ferramenta de desenvolvemento económico e social moi importante para as nosas provincias. O turismo de calidade, non masificado e desestacionalizado, para captar visitantes ao longo de todo o ano”.  En relación ao turismo, subliñou que é un sector que xera emprego e abre á xente novas oportunidades para planificar o seu futuro no seu lugar de orixe. Vencellar o turismo ao patrimonio, ao medio ambiente e ás tradicións supón achegar novos incentivos para a conservación dese legado, e traballar para poñer en valor e aproveitalo de maneira sostible”, confirmou. 

Estratexias comúns

Con estas afirmacións cadraron os presidentes de Huesca e Xerona, Miguel Gracia e Miquel Noguer, que apuntaron que os fondos europeos deberían incidir en actuacións vencelladas coa cohesión territorial e a igualdade, ademais de liñas de cambio climático ou dixital. 

En función destes criterios de cohesión territorial e de igualdade de oportunidades para quen vive no medio rural, Miguel Gracia referiuse á necesidade de destinar fondos europeos a manter ou conservar as estradas que unen os municipios. “Son vías de comunicación sobre todo utilizadas no rural e que dan servizo a quen vive nas localidades máis pequenas, é dicir, persoas que contribúen á sustentabilidade territorio”, argumentou Miguel Gracia. 

“Unhas vías de comunicación que están fóra dos focos sempre dos grandes investimentos do Estado ou das Comunidades Autónomas, pero que en España suman máis de 64.000 quilómetros e contribúen a comunicar localidades pequenas, a garantir o acceso a pequenos núcleos e a quen neles habitan; forman parte da paisaxe da España do interior e, sen lugar a dúbidas, son un elemento vertebrador”, dixo Miguel Gracia. Incidiu en que a maioría dos municipios non teñen capacidade financeira en manter as estradas en bo estado, e que a Deputación xoga “un papel importante para manter e garantir o acceso a este núcleos”. 

Miquel Noguer destacou que o turismo é fundamental para a provincia de Xirona. “É evidente que temos que traballar xuntos e poñer todo aquilo en común que estea da nosa man para avanzar cara a desestacionalización turística, ofrecendo outros produtos que camiñan cara as experiencias”, asentiu. 

Gracia Ferrer tamén se referiu a outros traballos e servizos das deputacións provinciais, como os que son de competencia propia para atender aos municipios de 20.000 habitantes, como a asistencia técnica ou xurídica, ou os plans de obras, así como todas aquelas outras actuacións que dinamizan o territorio. Puxo de exemplo os plans de eficiencia enerxética, axudas en materia de patrimonio, difusión da cultura, a rede de bibliotecas das provincias, ou o respaldo a festivais, entre outros eventos. 


Sinatura no libro de ouro

Os dous mandatarios de Huesca e Xerona asinaron no libro de ouro da Deputación de Lugo, salientando os compromisos de traballo e coordinación que marcan esta visita institucional que ambos realizan estes días á provincia de Lugo, logo de coñecer na anterior xornada a comarca da Ribeira Sacra. Unha vez rematado o acto institucional, da man do Presidente lucense, fixeron un percorrido polos principais reclamos turísticos da capital de Lugo.