Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A Deputación saca a contratación as obras para a construción da residencia da Pobra do Brollón por 1,74M€

rede de centros de atención a maiores
A Pobra do Brollón
Licitou esta actuación polo procedemento de urxencia, o que permitirá reducir os prazos á metade, unha semana despois de aprobar a resolución do anterior contrato de obra por incumprimento da empresa adxudicataria

A Xunta de Goberno tamén aprobou novos pasos administrativos para poder poñer en marcha o Acelera Pemes, un proxecto dotado con 500.000€ co que a institución provincial ofrecerá apoio e asesoramento gratuítos ás pequenas e medianas empresas en materia de transformación dixital

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a licitación das obras para a construción da residencia da Pobra do Brollón por un importe de 1,74M€. Un procedemento que a institución provincial saca adiante unha semana despois de aprobar a resolución do anterior contrato de obra, por incumprimento da empresa adxudicataria, e que tal e como informou este venres a voceira socialista do Goberno provincial, Pilar García Porto, esta nova licitación sácase seguindo a fórmula de urxencia, “o que permitirá reducir os prazos de tramitación á metade”.

Sinalou que “esta axilidade demostra, unha vez máis, o que sempre dixemos: o noso máximo compromiso cos veciños e veciñas da Pobra de Brollón e co Concello para sacar adiante o proxecto da residencia”. García Porto subliñou que en todo caso o compromiso da institución provincial en materia de residencias está “fóra de toda dúbida” porque “só no que vai de mandato abrimos 5 centros de maiores e, antes de finalizar o ano, inauguraremos outro”, multiplicando por tres o número de residencias, ao pasar das 3 que había no 2019 ás 9 que haberá no 2023. 

Acelera Pemes

A voceira provincial tamén deu conta da aprobación en Xunta de Goberno de novos pasos administrativos para poder poñer en marcha o Acelera Pemes, “un proxecto dotado con 500.000€ que arrancaremos nas vindeiras semanas grazas aos fondos que conseguimos da Unión Europea, e co que ofreceremos apoio e asesoramento gratuítos ás pequenas e medianas empresas da provincia en materia de transformación dixital para modernizar e para mellorar o seu negocio”.

Concretamente, a Xunta de Goberno licitou por preto de 35.000€ o alugueiro dunha oficina móbil durante os vindeiros dous anos para facilitar a participación das empresas achegando o servizo de asesoramento ao territorio.

Lugo Termal

Outro dos asuntos destacados da Xunta de Goberno foi a adxudicación do programa Lugo Termal 2022/2023 por un importe de case 72.000€ aos tres balnearios da provincia: o Balneario e Termas de Lugo, o Hotel Balneario Río Pambre de Palas de Rei e o Hotel Balneario de Augas Santas de Pantón. “A Deputación ofrece descontos nestes tres establecementos termais ós veciños e veciñas da provincia de máis de 50 anos e ós seus acompañantes, co que estamos favorecendo o benestar social e, ó mesmo tempo, promovendo o turismo de proximidade”, explicou a voceira, que avanzou que nas vindeiras semanas quedarán xa aprobadas as bases para a 12 edición do Lugo Termal coa idea de abrir “entre finais deste mes e principios de decembro o prazo para solicitar os descontos”. 

Cooperación cos Concellos

A Xunta de Goberno deste venres tamén aprobou un convenio de colaboración a través do que a Deputación achega 150.000€ ao Concello de Viveiro para a promoción turística e do deporte, e para actividades culturais e de lecer. Concretamente, grazas a esta achega, este municipio mariñano poderá desenvolver, entre outras medidas, citas tan importantes para a localidade e para a comarca, como o Entroido, Os Maios, a romaría de Naseiro ou a Rapa das Bestas de Candaoso.

O Executivo tamén acordou unha colaboración económica co Concello da Pontenova por importe de 50.000€ para acometer a renovación de pavimentos, a rede de abastecemento de auga e a rede de saneamento de pluviais en Vileimil, na parroquia de Vilaboa. O Concello farase cargo doutros 246.437,46€ para chegar a un importe conxunto de preto de 300.000€.

Candidatura Portomarín

Pilar García Porto aproveitou a súa intervención na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno para animar á votación popular da candidatura de Portomarín como finalista do certame nacional Xuntos Brilamos Máis, unha campaña para que este municipio da provincia se converta na capital do Nadal.