Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

Pablo Rivera sinala que a nova sede de Aspnais “é unha mostra clara dos resultados extraordinarios da colaboración entre administracións e co tecido social”

ASPNAIS
A Deputación de Lugo cedeu gratuitamente as instalacións deste emblemático inmoble situado no antigo hospital de San José, que conta con 10.000 m2 para prestar servizo a 173 usuarios e usuarias da Asociación de Pais e Titores de Persoas con Discapacidade Intelectual

No acto de inauguración, o Deputado puxo en valor o labor da “alma máter” deste colectivo, Conchita Teijeiro, á que se lle rendeu homenaxe co descubrimento dunha escultura ao pé deste edificio

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, participou este venres  na inauguración da nova sede da Asociación de Pais e Titores de Persoas con Discapacidade Intelectual de Lugo (ASPNAIS), situada no inmoble do antigo hospital de San José cedido de forma gratuíta pola Deputación á asociación.

No acto de inauguración, ó que asistiron numerosas personalidades do ámbito social, cultural e político, Pablo Rivera felicitou a ASPNAIS polo resultado desta actuación nun edificio que forma parte do patrimonio provincial, e que é  “unha mostra clara dos extraordinarios resultados que ten na nosa sociedade a colaboración entre administracións e co tecido asociativo”. Grazas á cesión da institución deste emblemático edificio de 10.000 m2 de superficie, o colectivo conta hoxe cunhas instalacións na cidade de Lugo “máis modernas, con maiores prestacións, máis dimensionadas e mellor adaptadas ás necesidades das persoas con discapacidade”, afirmou Rivera. 

Unha colaboración, recalcou, que se enmarca nun dos eixos de acción da política social desta institución “que materializamos en medidas que xorden da colaboración co tecido asociativo do ámbito social, como é precisamente neste caso con ASPNAIS, e tamén cos concellos da provincia”, recalcou. Nese compromiso,  un claro exemplo, “é a ampla rede pública de Protección Social, que xa é unha sinal de identidade da Deputación de Lugo, e que é un referente no resto do país e mesmo no ámbito europeo polo modelo de asistencia ás persoas maiores que temos implantado nas nosas residencias”, afirmou Pablo Rivera.

O Deputado de Promoción, Social e Económica, xunto ao Presidente de Aspnais,  José Reigosa, a Acaldesa de Lugo, Lara Méndez, o Presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e outras autoridades, visitou as novas instalacións que prestan servizo a 173 usuarios e usuarias, para levar a cabo as diferentes actividades e obradoiros que desenvolve a asociación


            Homenaxe a Conchita Teijeiro

Ao remate do acto, rendeuse un sentido e emotivo homenaxe á “alma máter” deste colectivo, Conchita Teijeiro, co descubrimento dunha escultura ao pé deste edificio, obra do escultor galego José Morales. Rivera Capón puxo en valor a figura de Teijeiro, que promoveu a cesión destas instalacións e mantivo unha plena dedicación a favor do colectivo que presidiu durante máis de catro décadas.