Deputación de Lugo
Economía

O Pleno aproba as bases do Plan Único 2023, co que a Deputación inxectará 21,5M€ nos concellos

PLAN UNICO
O Presidente subliña a importancia de aprobar por terceiro ano consecutivo as bases do programa de investimentos no ano anterior ao seu período de vixencia porque permite ás entidades locais “empezar a planificar e tramitar as accións unha vez se publiquen, nos vindeiros días, no Boletín Oficial da Provincia”

O Goberno provincial introduciu continuas melloras neste mandato para que o Plan Único sexa máis útil para os concellos, como a aprobación das bases no ano anterior ao seu período de vixencia, a posibilidade de imputar gastos de obras e contratos de persoal dende principios de ano ou a simplificación dos trámites administrativos

A Deputación fai con este instrumento unha distribución dos recursos públicos entre os 67 concellos da provincia con criterios públicos e obxectivos, como son a superficie, a poboación, o índice de envellecemento e a dispersión territorial

O Goberno da Deputación de Lugo sacou adiante no Pleno ordinario deste mes as bases do Plan Único de Cooperación cos Concellos para o vindeiro ano 2023, ao que destina 21,5M€ para desenvolver actuacións en materia de infraestruturas, creación de emprego, Servizo de Axuda no Fogar, actividades, eventos, administración electrónica ou protección civil. Os grupos do PSdeG e o BNG votaron a favor da iniciativa, mentres que o PP se abstivo.

O Presidente, José Tomé Roca, subliñou a importancia de aprobar, por terceiro ano consecutivo, as bases do Plan Único no ano anterior ao seu período de vixencia porque, desta forma, as entidades locais “poden empezar a planificar e tramitar as accións unha vez se publiquen, nos vindeiros días, no Boletín Oficial da Provincia”. Isto permite aos concellos planificar con maior antelación e traballar con máis previsión e tempo, de forma que poidan poden aproveitar mellor os fondos.

O mandatario provincial destacou que a aprobación deste Plan nestas datas é posible grazas a que o Goberno sacou adiante en tempo e forma o Orzamento da Deputación para o vindeiro ano, de maneira que entrará en vigor a principios de xaneiro.

Pola súa banda, a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, incidiu durante a sesión plenaria en que co Plan Único a institución garante “un reparto xusto dos fondos públicos con criterios obxectivos, iguais para todos”, e “respecta plenamente a autonomía municipal”.

A Deputada lembrou as continuas melloras introducidas no Plan Único este mandato para que sexa máis útil para os concellos, como a aprobación das bases no ano anterior o seu período de vixencia, a posibilidade de imputar gastos de obras e contratos de persoal dende principios de ano ou a simplificación dos trámites administrativos, especialmente beneficiosa para as entidades locais máis pequenas, que teñen menos recursos técnicos e de persoal.

Como exemplo do “impacto social e económico” desta ferramenta, a voceira socialista aludiu a que a Deputación inxectou dende o ano 2019 un total de 85,3M€ nos concellos, gracias ós que puideron acometer en torno a 1.500 obras e subministacións, e cos que crearon máis de 1.200 postos de traballo.

Desta forma, destacou, o Plan Único, xunto coas outras medidas de cooperación cos concellos que ofrece a institución, “converteron á Deputación nunha administración esencial para o funcionamento dos concellos”.

A voceira lamentou unha vez máis que as administracións gobernadas polo Partido Popular, como a Xunta de Galicia ou a Deputación de Ourense, sigan sen contar con un plan de distribución dos fondos públicos con criterios obxectivos, porque iso favorecería “a calidade democrática e o desenvolvemento social e económico dun xeito equilibrado”.

Reparto segundo criterios públicos e obxectivos

O Plan Único 2023 da Deputación mantén a súa esencia a través da distribución con criterios públicos e obxectivos dos fondos provinciais entre os 67 concellos da provincia. A poboación, a superficie, a dispersión territorial e a taxa de envellecemento, segundo os datos oficiais do Instituto Nacional de Estatística, son os criterios de reparto que aplica a institución. Ademais, fixa unha contía máxima de 500.000€ e mínima de 200.000€, coa que se blinda o financiamento dos concellos máis pequenos.

 

Distribución dos fondos por concello
CONCELLOS ACHEGA PLAN ÚNICO 2023
ABADÍN 335.804,54 €
ALFOZ 273.995,35 €
ANTAS DE ULLA 272.747,76 €
BALEIRA 276.296,87 €
BARALLA 292.976,43 €
BARREIROS 277.119,97 €
BECERREÁ 303.574,24 €
BEGONTE 295.784,17 €
BÓVEDA 246.364,71 €
BURELA 376.038,17 €
CARBALLEDO 318.711,89 €
CASTRO DE REI 396.587,67 €
CASTROVERDE 305.619,12 €
CERVANTES 332.703,36 €
CERVO 297.110,59 €
CORGO (O) 341.315,93 €
COSPEITO 362.931,93 €
CHANTADA 471.759,24 €
FOLGOSO DO COUREL 269.630,00 €
FONSAGRADA (A) 443.922,66 €
FOZ 432.221,54 €
FRIOL 413.142,08 €
GUITIRIZ 446.412,53 €
GUNTÍN 317.600,92 €
INCIO (O) 287.396,58 €
LÁNCARA 297.420,04 €
LOURENZÁ 252.600,77 €
LUGO 500.000,00 €
MEIRA 224.374,74 €
MONDOÑEDO 308.807,58 €
MONFORTE DE LEMOS 500.000,00 €
MONTERROSO 306.088,41 €
MURAS 283.030,44 €
NAVIA DE SUARNA 304.484,51 €
NEGUEIRA DE MUÑIZ 193.974,69 €
NOGAIS (AS) 246.667,94 €
OUROL 304.070,74 €
OUTEIRO DE REI 360.200,15 €
PALAS DE REI 377.924,56 €
PANTÓN 329.913,00 €
PARADELA 289.369,51 €
PÁRAMO (O) 246.385,30 €
PASTORIZA (A) 326.549,81 €
PEDRAFITA DO CEBREIRO 252.918,67 €
POBRA DO BROLLÓN 283.149,94 €
POL 268.747,28 €
PONTENOVA (A) 273.711,58 €
PORTOMARÍN 264.502,12 €
QUIROGA 351.081,93 €
RÁBADE 196.033,06 €
RIBADEO 452.223,53 €
RIBAS DE SIL 230.437,41 €
RIBEIRA DE PIQUÍN 234.656,94 €
RIOTORTO 237.923,98 €
SAMOS 284.719,95 €
SARRIA 500.000,00 €
SAVIÑAO (O) 383.437,48 €
SOBER 323.018,19 €
TABOADA 327.407,74 €
TRABADA 255.673,49 €
TRIACASTELA 204.770,70 €
VALADOURO (O) 288.076,16 €
VICEDO (O) 258.254,82 €
VILALBA 500.000,00 €
VIVEIRO 500.000,00 €
XERMADE 308.384,47 €
XOVE 281.240,12 €
TOTAL 21.500.000€