Cooperación concellos
Deputación de Lugo

Os veciños do Piornedo e Vilarguite, en Cervantes, terán traída municipal de auga grazas á Deputación

Xermade
Cervantes
A Xunta de Goberno aprobou na última reunión do ano unha achega de máis de 90.000€ para a construción deste servizo que permitirá dotar a ambos núcleos cervantegos dunha rede de abastecemento pública

O Concello de Xermade recibirá 123.000€ da Deputación para acometer a primeira fase da reposición das beirarrúas e do acondicionamento dunha senda peonil nas avenidas das Pontes e Vilalba, no centro da vila

A Deputación de Lugo aprobou este venres un convenio de colaboración co Concello de Cervantes para dotar de traída municipal de auga aos veciños e veciñas dos núcleos do Piornedo e Vilarguite cun investimento que supera os 90.000€. Así o anunciou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, tras a reunión da Xunta de Goberno. 

Estes traballos están cofinanciados polo Concello, que achega preto de 5.000€, e permitirán mellorar os servizos da veciñanza cervantega. Vilarguite e Piornedo non contan con este servizo municipal, sendo na actualidade un abastecemento por conta dos residentes e que non reúne as condicións axeitadas. “As obras consisten na execución dunha captación e na súa condución ata o repartidor que servirá a auga ós depósitos existentes”, explicou a Deputada.

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou tamén unha aportación da Deputación ao Concello de Xermade por importe de 123.000€, o 97% do investimento necesario para acometer a primeira fase do proxecto de reposición das beirarrúas e o acondicionamento dunha senda peonil nas avenidas das Pontes e Vilalba, no centro da vila. García Porto sinalou que se trata “dunha actuación moi importante para mellorar a seguridade e a comodidade dunhas vías moi utilizadas polos veciños e veciñas”. 

Os traballos mellorarán o pavimento das beirarrúas demolendo as actuais e sanearase a base antes de levantar unhas novas que permitan soportar as cargas de tránsito. Manterase, iso si, o aspecto e xeometría actual. No caso da senda, terá un ancho de 1,80metros dando continuidade á beirarrúa.  

Máis cooperación cos concellos

No marco do firme compromiso da institución provincial coa cooperación cos concellos, na última Xunta de Goberno do ano deuse luz verde a un convenio co Concello de Meira a través do que a Deputación aporta 22.000€ para a adquisición dun vehículo para o apoio e prestación dos servizos municipais deste municipio.
O Concello de Viveiro contará cunha achega de 35.000€ da Deputación, á que se suman 10.000€ investidos pola propia administración local, para a instalación e funcionamento do Belén Xigante. A Deputada recordou que é “un dos grandes atractivos turísticos cos que conta a cidade do Landro e a comarca da Mariña, que contribúe de maneira importante a xerar actividade económica durante estas datas de Nadal”.

Trátase dun nacemento a tamaño natural que se instala no entorno da igrexa de Santa María e fronte ao convento das Dominicas, no centro histórico da cidade. “Por estimacións doutros anos, este nacemento único en Galicia recibe a visita de máis de 25.000 persoas”, sinalou a Deputada, que puxo en valor o impulso que supón para sectores como o comercio e a hostalería de Viveiro, xa que son moitas as asociacións, colectivos, colexios e concellos que ao longo destes anos chamaron para interesarse por este belén único en Galicia.

Acelera PEMES

A Xunta de Goberno deste venres aprobou tamén adxudicar por un importe de 34.600€ o contrato para contar cun servizo de oficina móbil no marco do Acelera PEMES, o programa financiado con fondos europeos co que a Deputación ofrecerá apoio e asesoramento gratuíto e personalizado durante os dous vindeiros anos ás pequenas e medianas empresas e autónomos da provincia en materia de transformación dixital.

O proxecto conta cun orzamento de medio millón de euros, dos cales o 80% (400.000€) proceden da Unión Europea a través da entidade pública empresarial Red.Es -dependente do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital-, e o 20% restante (100.000€) apórtaos a propia institución provincial.

Emprego público

Na reunión de hoxe, o Executivo provincial deu luz verde á convocatoria e ás bases específicas para a constitución dunha listaxe de emprego de terapeuta ocupacional para prestar servizos de carácter temporal na institución provincial, o que permitirá incorporar de forma áxil efectivos cando existan motivos de necesidade e urxencia. A convocatoria sairá publicada no Boletín Oficial da Provincia con toda a información necesaria para que as persoas interesadas se poidan inscribir.