Deputación de Lugo

A Deputación inicia o estendido do aglomerado nun novo tramo da estrada de Lugo a Guntín

Rede provincial de estradas
Os traballos afectan ao treito situado entre os puntos quilométricos 5,500 e 13,100 da LU-P-2901, na que a institución provincial inviste 350.000€ para a mellora das comunicacións entre estes dous concellos

A Deputación de Lugo iniciou esta semana a renovación do asfaltado doutro tramo da LU-P-2901, que conecta os concellos de Lugo e Guntín, un proxecto no que a institución provincial inviste 350.000€. Estes traballos afectan ao tramo que vai dende o punto quilométrico 5,500 ao 13,100 e prevese que estean finalizadas nun prazo de 10 días laborais, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan.

Os traballos de rehabilitación do firme que se están a levar a cabo consisten na pavimentación con aglomerado en quente, a reapertura de cunetas e finalmente rematarán coa sinalización horizontal mediante marcas reflexivas brancas. Durante esta actuación tamén se realizan tarefas de limpeza para garantir a drenaxe nesta vía   provincial. 

Con esta actuación, a Deputación suma xa 610.000€ de investimento no que vai de mandato nesta estrada para manter o tránsito dos usuarios e usuarias coas mellores garantías de comodidade e seguridade. 

En concreto, a institución provincial destinou 175.000€ para a mellora da pavimentación do firme con aglomerado entre os quilómetros 21,370 ao 25,000. Un investimento moi importante para a zona porque esta estrada provincial dá servizo ás parroquias palenses de Augas Santas, O Carballal e San Cibrao da Repostería e tamén é moi empregada polos peregrinos por situarse ao pé do Camiño de Santiago. 

Estas obras dan continuidade ás acometidas pola Deputación noutro tramo da LU-P-2901, o situado entre os puntos quilométricos 3,340 e 5,400, á altura do concello de Lugo. A institución provincial destinou 85.000€ á mellora do firme co estendido de aglomerado en quente e a renovación da sinalización nestoutra parte da estrada.