Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación promociona o románico da provincia na nova campaña que presentará en Fitur co actor Chechu Salgado

turismo
FITUR
Chechu Salgado
románico
Ruta Transrománica
tranrománica
O Presidente, José Tomé Roca, dará a coñecer esta nova estratexia turística, Lugo, provincia románica, xunto ao intérprete soberino, que foi distinguido co Goya ao Mellor Actor Revelación 2022 e que é a imaxe desta iniciativa promocional

Trátase dunha aposta por un turismo cultural e paisaxístico, que pon o foco no patrimonio como reclamo para os visitantes xa que é “ un sinal de identidade ao redor do que artellar unha oferta de calidade, sostible, non masificada e de experiencias”, afirma Tomé Roca

Presentarase un vídeo promocional que amosa o importante legado románico que atesoura o territorio lucense, tanto a riqueza artística como paisaxística, ao tempo que se reafirma o compromiso coa industria audiovisual da institución provincial
Chechu Salgado é o protagonista do audiovisual sobre a provincia que a Deputación presentará en Fitur 2023

A Deputación de Lugo presentará a nova campaña de turismo da institución provincial, Lugo, provincia románica, o vindeiro xoves 19 de xaneiro no stand de Turismo de Galicia na Feira Internacional de Turismo (Fitur), que se celebrará en Madrid a videira semana. Unha campaña protagonizada polo actor Chechu Salgado, natural de Sober e que foi distinguido co Goya ao Mellor Actor Revelación no 2022. 

O Presidente da institución provincial, José Tomé Roca, será o encargado de dar a coñecer as novidades desta campaña promocional nun acto no que tamén participará Chechu Salgado. Con esta campaña darase a coñecer a aposta por un turismo cultural e paisaxístico, poñendo o foco no patrimonio como reclamo para os visitantes. “Levamos anos reforzando a promoción do patrimonio deste estilo arquitectónico co que conta a provincia de Lugo, un sinal de identidade e un poderoso reclamo turístico, ao redor do que artellar unha oferta de calidade, sostible, non masificada e de experiencias. Agora damos un paso máis e abandeiramos o románico como unha das nosas grandes apostas levándoo como principal atractivo a Fitur”, subliña José Tomé. 

Ademais, esta campaña está estreitamente vinculada co sector cinematográfico, co que a institución busca fomentar as visitas turísticas vinculadas aos escenarios de producións audiovisuais rodadas na provincia, ao tempo que dinamiza a actividade do turismo no rural en zonas cun grande valor paisaxístico, cultural e etnográfico. Ao mesmo tempo, a Deputación continúa apoiando desta forma á industria audiovisual como xeradora de emprego e de cultura.

Guía do románico
No marco da estratexia para potenciar o patrimonio románico como atractivo turístico da provincia de Lugo, a Deputación traballa na edición dunha guía turística con catro tomos que recolle os principais recursos deste estilo arquitectónico nas distintas comarcas, “un elemento que axuda ás persoas que nos visitan a organizar as súas viaxes e rutas, pero tamén actúa como recordatorio do compromiso coa conservación do patrimonio, porque os monumentos teñen historia, pero tamén están cargados de futuro”.

A Deputación editou xa o tomo referido á Ribeira Sacra, que tivo unha gran acollida; nas vindeira semanas publicará os centrados na Ulloa e nas zonas dos Ancares, O Courel e Sarria, e ao longo deste ano sacará o último, sobre Lugo, Terra Chá e A Mariña.

O Presidente subliña que o románico da provincia é un dos máis importantes de España e de Europa, como demostra que forma parte da Ruta Tranrománica do Consello de Europa dende o ano 2020 grazas á iniciativa impulsada pola Deputación. “Desta forma, situamos ao noso patrimonio nunha das grandes rutas culturais europeas, a máis importante das vinculadas a este fermoso estilo arquitectónico. Unha ruta da que, en España, só forman parte outros dous lugares: o mosteiro de Santo Domingo de Silos e a cidade de Zamora”, explica José Tomé.

Un novo audiovisual
O actor Chechu Salgado é o protagonista do novo audiovisual que presentará a Deputación nesta edición de Fitur. Un vídeo que ten como obxectivo amosar o importante legado románico que atesoura o territorio lucense, tanto a riqueza artística como paisaxística, tendo en conta que a disposición, orientación e enclaves elixidos para a construción de igrexas e catedrais non é azarosa, polo que non se poden disociar da paisaxe. Esta promoción busca afondar no coñecemento destas paraxes, grazas a unha coidada narración que mergulla ao visitante nunha viaxe ao mais puro estilo western. A banda sonora foi gravada nos Kollapse Studio de Lugo pola banda ribadense Beetle Judge.

Chechu Salgado é coñecido por proxectos audiovisuais como Las Leyes de la Frontera, Fariña ou  Patria, entre outros, foi distinguido co Goya ao Mellor Actor Revelación neste ano 2022. A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, salienta “a importancia de contar cun actor da altura de Chechu Salgado, que leva o nome da nosa provincia por todo o noso país”. “Quixemos facer unha campaña dinámica e visual para impulsar a proxección da nosa provincia, cun embaixador de primeiro nivel como é Chechu Salgado”, recalca o Presidente. 

Turismo sostible
“Seguimos apostando por un modelo de turismo sostible, de calidade, desestacionalizado e en contacto coa natureza que impulsamos dende a Deputación, que está a dar froitos moi positivos”, afirma o mandatario provincial. A respecto diso, manifesta que o obxectivo é “conseguir a máxima proxección e repercusión da oferta turística coa que contamos na nosa provincia, deseñando programas atractivos e colaborando cos representantes do sector para conseguir un fin común, que é atraer visitantes ao longo de todo o ano para xerar riqueza e emprego, sobre todo no rural”.

Unha axenda de contactos e actos
O Presidente da Deputación e a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participarán en diferentes presentacións e actos durante a celebración de Fitur 2023. Entre outros eventos, estarán presentes nas presentacións das novidades turísticas do Concello de Lugo, a Mancomunidade de Concellos da Mariña, o Consorcio da Ribeira Sacra, a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo, o Xeodestino Ancares Terras de Burón, a  feira Xantar e moitos outros de relevancia provincial, galega e estatal. 

Ademais, aproveitarán a súa presenza no encontro feiral para celebrar xornadas de traballo e reunións con profesionais do sector que se dan cita en Fitur.