Deputación de Lugo

O Presidente destaca o apoio constante da Deputación á hostalería e ao turismo na presentación en Fitur dunha nova edición da guía ...E para comer Lugo

APEHL
José Tomé Roca sinalou no espazo reservado para a APEHL en Madrid que esa colaboración co sector “intensificouse con motivo da pandemia, e penso sinceramente que soubemos converter ese reto en fonte de novas oportunidades”

O mandatario provincial tamén asistirá esta tarde á presentación do Manual de boas prácticas para visitantes organizado polo Consorcio de Turismo Ribeira Sacra en IFEMA

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, destacou este mércores na Feira Internacional de Turismo (Fitur) que se está a celebrar estes días en Madrid o apoio e o traballo de colaboración “constante” da institución provincial coa hostalería e o turismo. Fíxoo na presentación da XV edición da guía da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría e Turismo de Lugo (APEHL) ...E para comer Lugo, onde sinalou tamén que o sector é “un dos piares básicos da economía da provincia”.

Un traballo de colaboración que, en palabras de Tomé Roca, “intensificouse con motivo da pandemia, e penso sinceramente que soubemos converter ese reto en fonte de novas oportunidades. A aposta pola desestacionalización que propón a provincia de Lugo como destino para todas as estacións do ano concorda plenamente coa estratexia turística que impulsamos desde a Deputación”. Na presentación, o Presidente estivo acompañado pola Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, o presidente da APEHL, Cheché Real, e a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, entre outras autoridades.

Subliñou o Presidente que desde a institución provincial “traballamos por un turismo de calidade, non masificado, de experiencias, que pon en valor o patrimonio, presente ao longo de todo o ano e que busca impulsar as economías locais, xerando riqueza e emprego de maneira sostible, que é o verdadeiramente interesante para que o noso rural teña futuro”.

A nova edición desta guía turístico-gastronómica percorre diferentes localidades da provincia e contén recomendacións de lugares pouco coñecidos, sinalando a mellor época para visitalos. “Creo que este traballo de cooperación e diálogo entre o sector e as diferentes administracións está dando uns bos froitos e estou seguro de que esta nova edición da guía ...E para comer Lugo vai ser un novo éxito”, apuntou José Tomé.

Presentación do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra

O mandatario provincial asistirá esta tarde á presentación do Manual de boas prácticas para visitantes organizado polo Consorcio de Turismo Ribeira Sacra. Unha serie de recomendacións que procuran a concienciación no respecto aos recursos naturais e culturais que conforman o destino co obxectivo de fomentar un turismo sostible.

O Presidente destacou que, no marco do seu apoio constante ao turismo e aos concellos, a Deputación de Lugo aporta 81.000€ ao Consorcio de Turismo Ribeira Sacra para que poida materializar o Plan de Sostibilidade Turística que lle foi concedido polo Goberno de España a través do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo para potenciar a zona sur da provincia como destino.

A axenda en Fitur complétase este mércores coas presentacións Galicia destino sostible: un turismo comprometido, que organiza o Clúster Turismo de Galicia; Santiago Now, do Concello de Santiago de Compostela; Los Geoparques Españoles; Xantar 2023: Expourense; Termatalia Uruguay 2023, de Expourense; e as iniciativas que dean a coñecer a asociación de municipios do Camiño de Inverno a Santiago, entre outros eventos e reunións.