Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo activa un operativo de seguridade viaria ante a previsión de xeadas

estradas provinciais
plan vialidade
temporal
Imaxe deputación de lugo
Os labores centraranse sobre todo en esparexer sal naquelas estradas provinciais que están catalogadas como de alto risco en formación de placas de xeo para minimizar os riscos e garantir a circulación e a seguridade dos usuarios e usuarias

A Deputación de Lugo activou este sábado un operativo de seguridade viaria ante a previsión de xeadas que se agardan pola baixada de temperaturas. Os labores, que arrancarán esta tarde, centraranse sobre todo en esparexer sal no firme daquelas vías que están catalogadas como de risco en formación de placas de xeo. 

Para estas funcións a institución provincial dispón de 420 toneladas de sal de mina nos 12 silos que ten distribuídos por toda a provincia.  Estes depósitos atópanse en Ourol, O Valadouro, Riotorto, Lugo, Becerreá, O Incio, Pedrafita do Cebreiro, Folgoso do Courel, Cervantes, Navia de Suarna, A Fonsagrada e Ribas de Sil. 

Así mesmo, o Plan de Vialidade Invernal da Deputación de Lugo pon a disposición dos concellos da provincia sal de mina para que poidan atender os problemas que se produzan nas estradas municipais debido ás condicións meteorolóxicas adversas. Deste xeito, a institución provincial garante non só que as vías provinciais se manteñan limpas e fóra de risco, senón tamén que os concellos poidan afrontar situacións de emerxencia ou causas sobrevidas en calquera estrada subministrándose dos silos que a Deputación ten por todo o territorio provincial. 

Todos os concellos que precisen abastecerse de fundentes por razóns de urxencia deberán dirixir unha solicitude previa ao Coordinador de Emerxencias da Rede Viaria Provincial co obxectivo de dar unha resposta eficaz e axeitada a cada unha das peticións, así como facer un control ordenado dos recursos.