Cooperación concellos
Deputación de Lugo

A Deputación achega 234.000€ ao Concello de Pedrafita do Cebreiro para comprar un novo camión de recollida do lixo

convenio
PEDRAFITA DO CEBREIRO
Cooperación cos Concellos
O Presidente asinou co Alcalde un convenio de colaboración para incorporar ao parque móbil da entidade local este novo vehículo que mellorará de xeito exponencial a calidade do servizo ao aumentar a capacidade, a eficiencia e ser menos contaminante

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou co Alcalde de Pedrafita do Cebreiro, José Luis Raposo Magdalena, un convenio de colaboración que ascende a 236.000€ para a adquisición dun camión de recollida de residuos sólidos urbanos. A Deputación destina 234.000€ e o Concello a contía restante, 2.000€.

Este novo camión substituirá o anterior, que tiña máis de 20 anos, polo que mellorará a calidade do servizo ao ser novo, máis eficiente, con máis capacidade e con niveis moito máis baixos de contaminación. 

Pedrafita do Cebreiro é un dos puntos insignias do Camiño de Santiago e acolle a milleiros de peregrinos e peregrinas a diario, sobre todo nos meses estivais, un feito que fai que os volumes de lixo que se producen sexan moi superiores aos que a propia poboación do concello xera por si soa. Por iso, este camión responderá ás necesidades que o municipio ten nesta materia.  

Esta nova colaboración económica de 234.000€ que fai agora a Deputación de Lugo con Pedrafita do Cebreiro súmase aos máis de 4M€ que destinou nos últimos anos a este municipio para contribuír, en colaboración co Concello, á mellora das condicións de vida dos veciños e veciñas. A metade do orzamento provincial neste municipio da Montaña estivo dirixido ó Centro de Atención a Maiores, mentres que o resto de recursos económicos concéntranse nas infraestruturas, acondicionamento de vías provinciais, e no fomento do emprego.

A cooperación cos 67 concellos da provincia é unha das liñas de actuación prioritarias da Deputación de Lugo, contribuíndo deste xeito a que as entidades locais poidan prestar máis e mellores servizos aos seus veciños e veciñas.