Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación de Lugo impulsa a XXXII Festa da Androlla, que celebra Navia de Suarna este domingo

Festa da Androlla
Navia de Suarna
A Deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, presentou xunto co Alcalde, José Fernández, a nova edición da cita gastronómica, que “supón un revulsivo importante a nivel económico para Navia, e tamén contribúe a promocionar o concello e, polo tanto, a dinamizar a actividade turística, da hostalería e do comercio”

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e o Alcalde de Navia de Suarna, José Fernández Fernández, presentaron este mércores na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos a XXXII Festa da Androlla, que acollerá este concello da Montaña o vindeiro domingo, 19 de febreiro, coincidindo coa festividade do Entroido. No acto tamén estivo presente a produtora de androlla María del Carmen Sánchez, propietaria de Embutidos Suarna.

A institución provincial colabora con esta cita gastronómica, que “supón un revulsivo importante a nivel económico para Navia, e tamén contribúe a promocionar o concello e, polo tanto, a dinamizar a actividade turística, da hostalería e do comercio”, subliñou a Deputada e tamén Voceira socialistas do Goberno provincial, quen felicitou ao Alcalde a todo o seu equipo de Goberno “polo excelente traballo que están facendo, tanto para mellorar o día a día dos seus veciños e veciñas, como por seguir impulsando, con enerxía e ilusión, iniciativas como a Festa da Androlla”.

“Falar da androlla é falar de gastronomía tradicional. Dun produto de primeira calidade, elaborado coas materias primas excepcionais que facilita o noso sector primario. Gandeiros e produtores, sector primario e pemes, son un exemplo dese tecido produtivo fundamental para a pervivencia do noso rural e co que mantemos liñas de colaboración para a modernización, a dixitalización ou a incorporación laboral de mozos, mulleres e parados de longa duración”, sinalou a Deputada.

García Porto destacou que a Festa da Androlla é así mesmo “unha cita turística, que promove ese modelo sostible e de proximidade polo que apostamos dende a Deputación de Lugo. Un turismo que, atraído pola gastronomía, quere consumir ou mercar un produto local en establecementos comerciais ou hostaleiros da zona”. 

José Fernández destacou que “a Festa da Androlla é unha das máis consolidadas a nivel gastronómico na provincia e en Lugo. Este produto é unha tradición no Concello de Navia de Suarna dende fai moito tempo e é unha forma de dar a coñecer a nosa vila a todas as persoas que se acheguen”.


4.000 quilos de androlla

Na XXXII Festa da Androlla está prevista a venda de 4.000 quilos deste produto. O programa de actividades arrancará ás 10.00 horas co pasarrúas a cargo do grupo de gaitas e unha proba de habilidades; ás 10.30 horas dará comezo a XXXII Festa da Androlla e a apertura de stands, onde ao longo de todo o día poderanse adquirir produtos típicos e tamén artesanais. Ás 13.00 horas haberá degustación de androlla na Praza da Vila; ás 15.00 horas recupérase o xantar oficial e será ás 18.00 horas cando se clausure a cita cunha  actuación musical.