Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación inviste preto de 165.000€ para mellorar en Lugo a rúa de San Isidro Labrador

Lugo
a fonsagrada
A Xunta de Goberno aprobou este venres un convenio de colaboración a través do cal a institución provincial financia integramente os traballos para a substitución da rede de abastecemento, e reposición do firme e das beirarrúas desta vía municipal do barrio da Piringalla

Licitados na Fonsagrada os traballos de mellora do firme de dous novos treitos da LU-P-1911, de Mesón Novo a Ventorrillo, por un importe que supera os 311.000€

Aprobado o inicio do procedemento para a contratación do servizo de mantemento dos centros de transformación, liñas de media tensión e grupos electróxenos da Deputación de Lugo

A Xunta de Goberno da Deputación aprobou este venres un convenio de colaboración co Concello de Lugo para a mellora da rúa de San Isidro Labrador, no barrio lucense da Piringalla, por un importe que se achega aos 165.000€. Un proxecto que financia integramente a institución provincial, tal e como explicou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto. 

Esta actuación consistirá na retirada do firme e de varios tramos das beirarrúas existentes, na substitución da rede de abastecemento, reposición das marxes para o paso dos peóns con loseta hidráulica, colocación dun novo bordo e dun novo sistema de desaugue de pluviais, repavimentación da calzada con aglomerado en quente e sinalización.

Apuntou a voceira socialista que se trata dunha vía de dobre sentido, perpendicular á Avenida da Coruña, de actividade comercial e hostaleira, polo que “se trata dunha actuación importante para o barrio da Piringalla e para toda a cidade”. Unha colaboración co Concello de Lugo que “se enmarca na liña de cooperación permanente que mantemos dende a Deputación de Lugo cos concellos da provincia para que poidan ofrecer máis e mellores servizos ós veciños e veciñas”.

Obras na Fonsagrada

Licitadas tamén, por un importe que supera os 311.000€, as obras de mellora de novos treitos da estrada provincial LU-P-1911 na Fonsagrada, de Mesón Novo a Ventorrillo. En concreto, os traballos afectarán ao tramo inicial, ata o quilómetro 4,345; e do punto 6,073 ao 6,822.

Uns traballos que consistirán na limpeza dos laterais, obras de drenaxe, pavimentación con aglomerado en quente e sinalización, e que “complementan os que xa acometemos recentemente nesta estrada, en concreto noutros dous tramos, ata Chao de Vaga, cun investimento doutros 200.000€”, sinalou García Porto, que destacou a importancia dunha vía “que dá servizo a centos de veciños e veciñas da zona, na que se concentran numerosas explotacións gandeiras e varias casas de turismo rural”.

Instalacións eléctricas

Outro dos asuntos que saíu adiante na Xunta de Goberno deste venres foi o inicio do procedemento para a contratación do servizo de mantemento obrigatorio dos centros de transformación, liñas de media tensión e grupos electróxenos que pertencen á Deputación. O prazo de duración do contrato será dun ano, con posibilidade de dúas prórrogas dun ano cada unha, e un orzamento de 34.182,5€.