Deputación de Lugo
Infraestruturas

A reparación da estrada provincial que une Chantada cos Peares obriga a cortar o tráfico dende mañá

Vías e Obras
peares
Carballedo
Chantada
A Deputación de Lugo inviste máis de 670.000€ nunha actuación de emerxencia para arranxar os danos ocasionados polo temporal en dúas vías: a LU-P-1801, de Chantada ós Peares por Nogueira, e a LU-P-1010, que vai cara a presa dos Peares, en Carballedo

A obras de reparación da estrada provincial LU-P-1801 que está facendo a Deputación de Lugo nesta vía que conecta Chantada cos Peares obrigan a cortar o tráfico a partir de mañá martes entre os puntos quilométricos 24 e 27. Uns traballos que a institución provincial está executando para reparar os danos ocasionados polo temporal en dúas estradas da súa titularidade cun investimento que supera os 670.000€.

O proxecto inclúe o arranxo de dúas estradas provinciais ao seu paso polos concellos de Chantada e Carballedo. Son a LU-P-1801, de Chantada ós Peares por Nogueira, e a LU-P-1010, que vai cara a presa dos Peares, no termo municipal de Carballedo, que se reparará no punto quilométrico 3,6. 

No caso da LU-P-1801, a vía esta afectada por varios desprendementos de terras e rochas, polo que será necesario retiralas para poder asegurar a parede con micropilotes e instalar un muro de suxeición. No caso da LU-P-1010, tamén está afectada por un corremento de terras, polo que se retirará o material que obstrúe a vía e procederase a asegurar cun muro. 

A previsión é que, se as condicións meteorolóxicas son favorables, o corte se restableza aos 15 días. En todo caso, para unha correcta execución dos traballos poderanse realizar novos cortes, en función do que o propio desenvolvemento do proxecto demande.