Deputación de Lugo
Formación

Pablo Rivera destaca que o Campionato Galego de Deportes Colectivos reforza a Lugo como destino universitario

USC
Deputado de Promoción Económica e Social participou na presentación desta proba deportiva, que reunirá no Campus de Lugo o vindeiro martes e mércores a máis de 500 alumnos e alumnas das tres universidades galegas

A Universidade de Santiago de Compostela escolleu a cidade lucense para celebrar o campionato, que inclúe encontros de baloncesto, balonmán, fútbol, rugby e voleibol en modalidades masculina e feminina

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este mércores na presentación da 25 edición do Campionato Galego Universitario de Deportes Colectivos que se celebra na cidade de Lugo os vindeiros martes e mércores, 7 e 8 de marzo. A Universidade de Santiago de Compostela acolle este ano a celebración destas probas deportivas no Campus de Lugo, o que, asegurou Pablo Rivera, reforza a Lugo como destino universitario.

No acto, celebrado esta mañá no Salón de Actos da Casa do Saber, participaron a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o reitor da USC, Antonio López, entre outras autoridades.

Máis de 500 alumnos e alumnas das tres universidades galegas -Universidade de Santiago de Compostela (USC), Universidade da Coruña e Universidade de Vigo- participarán nos encontros de baloncesto, balonmán, fútbol sala, rugby 7, voleibol e fútbol campo, tanto en modalidade masculina como feminina. Espazos como o Pazo de Feiras acollerán estes enfrontamentos, que permitirán “medrar académica, pero tamén persoalmente” aos participantes.

“Esta experiencia será un complemento para a súa formación académica e levarase a cabo nunha cidade universitaria, como é Lugo, que ademais un referente a nivel deportivo. En toda a provincia contamos con equipos de case todas as disciplinas nas primeiras categorías nacionais, tanto no deporte feminino, como no masculino”, detallou Rivera Capón.

Así mesmo, asegurou que “as administracións temos que apostar por este tipo de actividades, que incentivan o ocio saudable, tamén nos adultos máis novos, e o compañeirismo”, e desexou que os participantes regresen a coñecer a cidade e a provincia. 

Colaboración coa USC

A Deputación de Lugo colabora de xeito continuado coa Universidade de Santiago de Compostela a través dunha achega de 370.500€ para impulsar a calidade formativa e a investigación no Campus de Lugo. Tamén ten en marcha proxectos en común co Campus, como a Granxa Experimental de Leite, na que cada ano se forman medio milleiro de alumnos e alumnas da Facultade de Veterinaria e da Escola Politécnica.

Así mesmo, a Deputación mantén coa USC un convenio de colaboración para que o estudantado poida realizar prácticas en calquera servizo da institución provincial.

Ademais, o pasado ano cedeulle á Universidade de Santiago 7.500 metros cadrados de terreo para a construción da nova Facultade de Formación do Profesorado. Estes terreos súmase aos outros 200.000 metros cadrados cedidos á USC para facultades, centros de investigación e outros servizos educativos en Lugo. 

Pablo Rivera recordou que a de Lugo “é a Deputación de España que fai unha maior achega económica á Universidade pública, o que demostra o noso nivel de compromiso co  ensino superior público, universal e de calidade como unha ferramenta imprescindible para a igualdade de oportunidades e para un desenvolvemento social e económico sostible e equilibrado”.